O Parque Tecnolóxico de Galicia participa nesta iniciativa para contribuír a reducir a brecha de xénero nestas especialidades, posto que só o 30% do estudantado universitario no ámbito STEM son mulleres
O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas; debido á súa baixa participación nestas materiais.
A sexta edición do proxecto arrancaba esta mañá en 19 parques e múltiples centros de Educación Secundaria de toda España. Este programa diríxese a estudantes de 1º a 3º da ESO e tamén está aberto aos últimos cursos do ensino primario, que poderán participar nunha serie de xornadas e actividades organizadas polos diferentes parques colaboradores ata o mes de abril de 2024.
A experiencia de mulleres científicas e tecnólogas
Tecnópole creou unha serie de vídeos nos que as protagonistas son mulleres con postos de responsabilidade en empresas que están a participar no programa “Galicia Avanza” -promovido pola Xunta de Galicia e Tecnópole-. Difundiranse a través das redes sociais do Parque para animar ás mozas a estudar carreiras científico-tecnolóxicas.
Ademais, vanse celebrar tres xornadas os días 9, 15 e 19 de febreiro de 2024 -coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia-. Contarase coa participación de varias mulleres científicas, empresarias ou tecnólogas da contorna do Parque, que relatarán a súa experiencia persoal e profesional, axudando ao alumnado a descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas.
Tamén haberá talleres prácticos de temática científica e tecnolóxica, que achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre actividades tradicionalmente adscritas ao público masculino. Serán conducidos por Patricia Barciela, directora da Domus – Museos Científicos Coruñeses. Os centros interesados xa poden contactar con Tecnópole para participar nestas xornadas.
As rapazas e rapaces poderán participar ademais no concurso nacional “Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible”. Estes retos están vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… A gañadora ou gañador nacional darase a coñecer nunha xornada que terá lugar en Madrid no mes de abril do vindeiro ano.
Só o 12% do alumnado que realiza estudos TIC son mulleres
A brecha de xénero en estudos STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) é un problema que ten importantes consecuencias no noso actual sistema de innovación, debido a que non se está a contar co talento do 100% da poboación. Por iso, desde os parques científicos e tecnolóxicos españois estase a contribuír a través desta iniciativa a reducir a brecha de xénero neste eido, co fin de crear un sistema de innovación máis competitivo.
Segundo as cifras aportadas por APTE, só o 30% do estudantado universitario no ámbito STEM son mulleres, tanto en España como nas medias internacionais. Ademais, os datos globais reflicten que só 24 mulleres de cada 1.000 se gradúan en estudos TIC e delas só 6 traballan no sector tecnolóxico. En España a proporción de mulleres en estudos TIC alcanza soamente o 12%.