A firma está integrada no programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras “Galicia Avanza”, que promoven a Xunta e Tecnópole
A empresa galega H. Paniagua, dedicada á elaboración de licores desde 1878, lanza ao mercado “La Pócima”, a marca máis nova do grupo, cunha ampla proposta de bebidas innovadoras. A firma, con sede no concello ourensán do Carballiño, é unha das beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras “Galicia Avanza”. O programa é froito da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). A través do programa estase a apoiar a saída da compañía ao mercado internacional.
A empresa carballiñesa, unha das máis lonxevas en activo na provincia de Ourense, fai unha forte aposta pola innovación renovando a marca “La Pócima”, adquirida no ano 2019. Nesta liña, acaba de sacar unha completa familia de bebidas innovadoras tanto polos seus ingredientes como pola súa formulación. Entre estes produtos, hai bebidas doces e lixeiras, en particular unha gama de cremas de froitas exóticas elaboradas a base de agave mexicano, con sabores a fresa, mango e nube. Tamén ofrece unha liña de bebidas de maior gradación e sabores máis intensos, como son un licor de herbas elaborado por maceración de máis de 36 botánicos e un licor de ginseng.
“A innovación forma parte dos nosos valores desde os inicios. Ao longo destes anos, adaptámonos ás necesidades e gustos dos nosos consumidores, apostando por novos produtos e tentando non perder a nosa orixe” -afirma Rodrigo Paniagua, xerente e quinta xeración da familia Paniagua á fronte da empresa-.
Desde este mes de setembro, os consumidores xa poden gozar destes novos produtos en bares, pubs e discotecas de todo o país. Tamén se poden adquirir a través da tenda online www.lapocima.eu.
Produtos 100% galegos
O Grupo Paniagua está formado por H. Paniagua e a súa comercializadora, Destilerías Miño. Elabora e comercializa bebidas de orixe galega desde 1878. Desde os seus inicios, a empresa aposta por ofrecer unha completa gama de bebidas, desde o vermut galego Povarelo, pasando polos seus clásicos licores e cremas galegos Paniagua, ata a gama de viños Novilunio procedentes das distintas denominacións de orixe de Galicia.
“Todos os nosos produtos teñen un marcado carácter galego, por iso, a maior parte dos ingredientes que empregamos nas súas elaboracións son de orixe local. Así, por exemplo, a nosa xenebra está elaborada con mazás da Estrada (Pontevedra) e as nosas cremas conteñen nata de leite de vacas galegas” -indica o xerente da firma-.