Tecnópole Divulga
Desenvolvendo actividades no ámbito da divulgación científica para mozos de toda España desde 2006
Tecnópole Divulga
Tecnópole mantén desde 2006 unha aposta firme pola divulgación científica de calidade. As súas cinco actividades permanentes, que recollen un grande éxito nas súas diferentes convocatorias, diríxense a mozos e mozas de toda España. O obxectivo principal de promover as vocacións científicas e o espírito emprendedor nas xeracións futuras.
As nosas actividades de divulgación
Galiciencia
Tecnópole iniciou o seu compromiso coa ciencia en 2006 coa celebración da primeira edición de Galiciencia. Desde entón a feira foi capaz de fidelizar ao público e crecer, reinventándose ano a ano, ata converterse na maior feira científica de Galicia e nun referente a nivel estatal.
Galiciencia é unha feira científica dirixida a estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP; aberta ao público en xeral. Ademais da exposición de proxectos, pódese participar tamén en charlas, talleres, concursos e moitas outras actividades paralelas que se renovan cada edición.
Aulas Tecnópole
Aulas Tecnópole é unha actividade tecnolóxica extraescolar semanal para alumnado de 12 a 18 anos. Celébrase desde 2010, de outubro a maio, co propósito de contribuír a espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre os máis novos.
T2W
O campamento tecnolóxico de verán T2W desenvólvese desde 2013, nas dúas primeiras semanas de xullo, en horario de 10:00 a 18:00 h. A través desta experiencia preténdese dar ao alumnado galego a oportunidade de mellorar os seus coñecementos científicos e tecnolóxicos de maneira totalmente experimental, realizando actividades innovadoras deseñadas por especialistas en educación STEAM.
Un modo divertido de complementar os seus coñecementos académicos e introducilos no mundo da investigación, programación, robótica, retos STEM, 3D, aeronáutica e aeroespacial, entre outras actividades.
Ciencia e Tecnoloxía en feminino
Ciencia e Tecnoloxía en feminino é un programa de divulgación científica liderado desde 2018 pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), no que Tecnópole participa xunto a outros parques de todo o país.
O programa ten como obxectivo o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas, co fin de aumentar no futuro a elección entre o público xuvenil feminino de estudos STEAM. Diríxese a estudantes de 1º a 3º da ESO e consiste nunha serie de workshops, exposicións, concursos e a achega dunha guía de saídas profesionais para todas as rapazas que estean interesadas en estudar carreiras de ciencias e tecnoloxía.
Aula Newton Galicia
Aula Newton Galicia é unha iniciativa de divulgación científica gratuíta que Tecnópole promove desde 2021, de maneira exclusiva en España, entre os centros educativos de Secundaria de Galicia. Está organizada conxuntamente entre Xunta de Galicia, Boeing, First Scandinavia e Tecnópole.
Aula Newton Galicia ofrece formación en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas mediante dinámicas prácticas de forma que os estudantes teñen acceso a equipos que lles permiten explorar, debater, reflexionar e colaborar nas materias STEM.
Interésache
Faite residente
Descubre todo o que Tecnópole pode ofrecerche para axudar á túa empresa a crecer