A empresa H. Paniagua, integrada en “Galicia Avanza”, premiada en Ámsterdam polo deseño da súa nova liña de bebidas “La Pócima”

A empresa galega H. Paniagua, dedicada á elaboración de licores desde 1878, lanzaba no mes de setembro ao mercado “La Pócima”, a marca máis nova do grupo, cunha ampla proposta de bebidas innovadoras. A firma, con sede no concello ourensán do Carballiño, é unha das beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras “Galicia Avanza”. O programa é froito da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). “Galicia Avanza” está a apoiar a saída da compañía ao mercado internacional.

A marca “La Pócima” foi galardoada nos premios internacionais Sleeve Label Awards 2023, celebrados en Ámsterdam. Recibiu unha Mención Honorífica na categoría de bebidas espirituosas polo seu innovador deseño e as características técnicas do seu renovado envase. Estes prestixiosos galardóns, que conmemoran a súa novena edición, son os únicos premios independentes dedicados a recoñecer os éxitos máis destacados no etiquetado de envoltorios retráctiles en todo o mundo. Un grupo de expertos avaliaron as distintas candidaturas, baseándose en numerosos criterios, como a calidade da impresión, o deseño do envase, as características innovadoras ou o atractivo do produto nos lineais dos puntos de venda.

H. Paniagua fai unha firme aposta pola innovación e a sustentabilidade, incorporando nos seus envases un pre-corte lonxitudinal e un indicativo que permite separar os distintos elementos e fomentar así a súa reciclaxe. Este aspecto, xunto co uso de “tinta invisible”, que cobra vida baixo a luz ultravioleta, e o seu exclusivo efecto táctil de area, foron aspectos que levaron á consecución deste galardón.

Para o desenvolvemento da identidade visual de La Pócima, H. Paniagua traballou con IPE Industrias Gráficas, empresa referente no etiquetado e impresión de envoltorios para bebidas espirituosas e viño no ámbito nacional e internacional, xunto ao estudo de deseño ourensán Be:Do Creativos.

Produtos con marcado carácter galego

O Grupo Paniagua está formado por H. Paniagua e a súa comercializadora, Destilerías Miño. Dedícase á elaboración e comercialización de bebidas de orixe galega desde 1878, o que a converte nunha das empresas en activo máis antigas da provincia de Ourense.

Desde o seus inicios, a empresa aposta por ofrecer unha completa gama de bebidas que van desde o vermut galego “Povarelo”, pasando polos clásicos licores e cremas “Paniagua”, ata a completa gama de viños “Novilunio” procedentes das distintas denominacións de orixe de Galicia.

Todos os produtos da firma teñen en común o seu marcado carácter galego. Nesta liña, a maioría dos ingredientes que se empregan nas súas elaboracións son de orixe local. Así, por exemplo, a xenebra “The Tinkle Apple” está elaborada con mazás da Estrada (Pontevedra) e as cremas “Paniagua” conteñen nata de leite de vacas galegas.