O tofu pode conseguir os paneis solares máis efectivos da historia

O cloruro de cadmio é, hoxe en día, un ingrediente clave na fabricación de células solares e é utilizado en millóns de paneis ao longo e ancho do mundo. Este composto soluble é altamente tóxico e caro de producir, o que require altas medidas de seguridade para protexer os traballadores durante a súa ensamblaxe e eliminación, cando os paneis chegan ao final da súa vida útil.

Agora, un equipo de científicos do Instituto Stephenson de Enerxías Renovables da Universidade de Liverpool, liderados polo físico Jonathan Major, concluíu que este composto pode ser substituído por cloruro de magnesio, que se extrae da auga de mar e utilízase en produtos como o tofu, os sales de baño ou como anticonxelante para as estradas en inverno, segundo o estudo que publicaron esta semana na revista Nature.

“Nas nosas investigacións, o cloruro de magnesio resultou ser un composto moi efectivo e seguro. Ademais, é máis barato: 0,001 dólares o gramo fronte aos 0,3 dólares do cloruro de cadmio”, comentou Jon Major aos xornalistas asistentes ao Euroscience Open Forum 2014 que se celebra en Copenhague, onde se presentou o estudo en rolda de prensa. “Se as renovables queren competir cos combustibles fósiles, o custo ten que baixar. Os resultados deste traballo poden reducir eses custos”, engadiu Major.

As células solares máis baratas que se fabrican actualmente están baseadas nunha fina película de telurio de cadmio, un elemento deseñado para absorber e converter a luz solar en electricidade. Estas células converten menos do 2% da luz do sol en enerxía. Mediante a aplicación de cloruro de cadmio esa porcentaxe sobe o 15%. O problema é que xunto con esa eficiencia tamén aumenta a toxicidade do proceso de fabricación. A investigación do equipo británico demostrou que o cloruro de magnesio pode manter o mesmo impulso á eficiencia aforrando os custos considerablemente.

Os primeiros en buscar alternativas

“Durante anos ninguén na industria do desenvolvemento de células fotovoltaicas se preguntou se este proceso é mellorable e buscou alternativas. Nós fomos os primeiros en preguntarnos e buscar solucións ao problema da toxicidade e os custos asociados a iso”, segundo declarou Major. “Por agora ninguén foi capaz de darnos unha cifra pero xente implicada na industria comentounos que podería significar unha fortuna, xa que a eliminación da toxicidade no proceso significa a supresión de procesos e materiais moi caros, por non falar o que se aforra en eliminación de residuos”.

(Fonte: SINC)