Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Mañá mércores, 8 de maio, dáse o pistoletazo de saída da feira -ás 10:00 horas-, que se prolongará ata o venres.
Esta 19ª edición, na que tamén se pode participar de xeito online, desenvólvese baixo a temática “Mellor, de Madeira”, un material que o Parque quere promover de xeito particular, en liña cos seus obxectivos de desenvolvemento sostible. Así, na feria porase de relevo a importancia da madeira como material sustentable, con múltiples beneficios para o noso planeta por ser un produto renovable, biodegradable e cunha ampla variedade de aplicacións en campos diversos como a construción e a fabricación. Con proxectos van participar preto de 300 rapaces e rapazas de 32 centros educativos diferentes. Por provincias, de Pontevedra hai 12 centros, de Ourense 7, da Coruña 7 e de Lugo 5; e, de fóra de Galicia, hai un centro de Barcelona. Asistirán á feira con visitas organizadas unhas 2150 persoas, tanto docentes como alumnos, de toda a comunidade.
Concurso de proxectos: 50 propostas competirán polo premio final
Nesta edición presentáronse un total de 106 proxectos, dos que finalmente se seleccionaron 79 propostas, procedentes de centros educativos de toda a comunidade galega, ademais de Cataluña. De maneira presencial concorren 50 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP -que serán os que compitan polo premio final- e 29 de Primaria. De xeito online participan 20 proxectos de Secundaria, Bacharelato e FP. As diferentes actividades, tanto presenciais como en liña, aglutinarán este ano a máis de 5.400 participantes.
Durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia exporanos nos stands da feira. Explicarán as súas propostas ao público visitante, ensinándolles os seus prototipos, experimentos e resultados. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática “Mellor, de Madeira”, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i -en liña co afán de Tecnópole de promoción do STEM feminino-. Galardoarase tamén o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.
Tres días de actividades para achegar aos máis novos a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido
Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. Así, realizaranse talleres científicos, espectáculos de ciencia e concursos diversos. É o caso do concurso de fotografía a través de Instagram, dirixido tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España. Os asistentes á feira mesmo terán a opotunidade de participar nun programa de radio.
O xoves celebrarase a final do Desafío científico “Mellor, de Madeira!”. Durante os últimos meses alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia participou nunha primeira fase online que constaba de tres retos. Os finalistas enfrontaranse agora nesta derradeira fase, que será presencial.