Zona Franca e CTAG únense á multinacional Cellnex para o desenvolvemento do coche conectado

Un proxecto clave para o desenvolvemento do coche autónomo e conectado e a súa interrelación coas infraestruturas viarias. Zona Franca e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) colideran o “Programa Tractor Vehículo Conectado V2X” xunto a Cellnex -multinacional española de servizos e infraestruturas de telecomunicacións inalámbricas- como promotor, a Asociación Nacional de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac) e a Zona Franca de Barcelona para o desenvolvemento do vehículo conectado en España.

O proxecto da marca España, no que colaboran todos os actores con coñecemento do automóbil, presentouse como Manifestación de Interese (MDI) a fondos Next Generation. O “Programa Tractor Vehículo Conectado V2X” (tecnoloxía que permite a comunicación entre o vehículo e a súa contorna) ten como obxectivos principais converter a España nun referente internacional en mobilidade conectada e potenciar a I+D+i necesaria mediante a creación dunha Rede de Polos de Experimentación de Mobilidade para diversas contornas (urbana, estrada, rede de alta capacidade, rural ou circuítos) e centros de homologación de produtos en catro autonomías (Galicia, Cataluña, Castela e León e Aragón) con centros na Zona Franca de Vigo, a de Barcelona, Castellolí, Valladolid e Zaragoza. Prevé crear 1540 empregos nos tres primeiros anos.

Entre as infraestruturas que contempla este macroproxecto está a de Zona Franca de Vigo e CTAG, como socio tecnolóxico, para unha pista de ensaios no Concello das Neves (lindante coa Plisan), que ten un orzamento de 30 millóns de euros. O obxectivo é situarse como un dos referentes na mobilidade do futuro en Europa, mediante a creación en Galicia dunha infraestrutura que dea resposta aos retos de l+D e validación para a nova mobilidade sustentable e intelixente. A maiores, o programa contempla un novo laboratorio sobre o coche conectado en Vigo.

O proxecto de Zona Franca e o CTAG consta de tres partes: unha está nos laboratorios de validación dixital, instalacións que permiten realizar tests en fases temperás para detectar erros; a segunda son as áreas de tests controlados onde se poidan reproducir diferentes contornas que permitan a realización de probas de forma controlada. Para iso, desenvolverase unha pista de ensaios de solucións de mobilidade autónoma e conectada que incorporará as tecnoloxías máis avanzadas de conectividade e que terá zona de autoestrada, zona de estrada rural, zona urbana/smart-city, interseccións e rotondas, aparcadoiro exterior e interior, zona para manobras de emerxencia e contorna industrial. A terceira parte é a posibilidade de dispor de contornas reais, na estrada aberta, equipados coas tecnoloxías de conectividade.

Fonte: Faro de Vigo