A Xunta de Galicia aprobou o desenvolvemento dun convenio de colaboración co Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) para levar a cabo novas actuacións que permitan consolidar o papel do sector biotecnolóxico galego a nivel empresarial. Neste sentido, están a dar forma á nova Estratexia de impulso da biotecnoloxía 2021-2025, contribuíndo deste xeito a situar Galicia neste ámbito.
En concreto, o convenio entre a Vicepresidencia Económica e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain)- e Bioga permitirá a Galicia gañar en competitividade a nivel de xestión de bioempresas e desenvolvemento de negocio de produtos e servizos innovadores, así como a creación dun biopolo capaz de atraer a grandes empresas do ámbito biotecnolóxico.
Entre as medidas que se prevé realizar a través desta colaboración entre Gain e Bioga, ademais de apoiar o desenvolvemento da Estratexia 2021-2025, está a posta en marcha dunha plataforma para o posicionamento e visibilización do sector, adaptando todos os medios do ecosistema biotech ás novas ferramentas e formatos dixitais para poder executar os plans de posicionamento correctamente.
Xunta e Bioga tamén teñen prevista a creación dunha rede de mentores especializada en biotecnoloxía e no desenvolvemento do programa Lonxa de talento, para facilitar ás empresas de recente creación e procedentes da transferencia de coñecemento das universidades o acceso a persoal de alta cualificación. En concreto, esta iniciativa axudaralles a detectar e potenciar o talento de alta dirección como garantía para descubrir novas formas de mellorar, potenciar e consolidar as empresas.
Fonte: El Correo Gallego