Un grupo de nove especialistas en Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) acudiu a Tecnópole hai uns días para formarse en técnicas avanzadas de cirurxía laparoscópica. A sesión tivo lugar no Centro de Investigación de Tecnoloxías Minimamente Invasivas (Tecmeva), especificamente dotado para a realización de cursos prácticos e interactivos.
Os asistentes puideron probar un sistema de pincería articulado para a realización de suturas, facendo prácticas cos pelvitrainers e as ópticas da sala de simulación.
Segundo a xefa de sección de Xinecoloxía do CHUO e promotora do curso, Carmen Varillas, trátase dun dispositivo que permite a realización de movementos para a sutura laparoscópica similares aos que se realizan na cirurxía robótica, de enorme precisión. “Aínda non se está empregando en pacientes, pero a previsión é que se poida utilizar en todas as cirurxías laparoscópicas nas que haxa que suturar en campos anatómicos complicados”, explicou, polo que o adestramento dos profesionais é un traballo necesario.
Espazo de training
Tecmeva converteuse nun espazo de referencia para actividades de formación en técnica laparoscópica. Especialistas en xinecoloxía e obstetricia de hospitais públicos das catro provincias pasaron xa polo centro especializado de Tecnópole para adestrarse nestas técnicas, minimamente invasivas e máis seguras e eficaces.
A cirurxía laparoscópica ofrece unha alternativa á convencional (aberta) a través de pequenas incisións (un centímetro ou menos) polas que se introduce instrumental de tamaño minúsculo e unha cámara que guía a intervención con imaxes de alta precisión. Ademais de resultar máis seguras e efectivas, estas técnicas minimamente invasivas minimizan os riscos e permiten unha recuperación máis rápida dos pacientes.
(Fonte: Tecnópole)