Xinecólogos de hospitais públicos de toda Galicia fórmanse na Tecnópole para elevar ao 100% a cirurxía laparoscópica nesta especialidade

Especialistas en xinecoloxía e obstetricia de hospitais públicos das catro provincias están a formarse en Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole ao longo deste ano en técnicas de cirurxía laparoscópica. O obxectivo deste adestramento práctico é que nun prazo de tempo o máis breve posible o 100% das intervencións xinecolóxicas de calquera tipo que se realicen na sanidade pública galega sexan mediante estas técnicas, minimamente invasivas e máis seguras e eficaces.

A formación está a levarse a cabo no Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas (Tecmeva) de Tecnópole, que organiza os cursos xunto coa Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía (SGOX), co apoio da Fundación Paideia Galiza e a colaboración das empresas Coren e Karl Storz, esta última en calidade de socio tecnolóxico. O adestramento complétase con sesións experimentais no Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo.

Hoxe está a celebrarse no Tecmeva a sesión central do adestramento, no que 13 especialistas dos complexos hospitalarios de Ourense, Vigo, Pontevedra, A Coruña e Lugo (CHUO, Álvaro Cunqueiro, CHOP, CHUAC e HULA), ademais de Povisa, forman a 11 xinecólogos procedentes de Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Riveira e Cee.

“Conseguimos unir a todos os xinecólogos de Galicia que están a realizar cirurxía laparoscópica para ser profesores no proxecto. Formouse un grupo para que Galicia estea no máis alto desta técnica. O seguinte paso será a cirurxía robótica”, expón Casimiro Obispo, presidente da SGOX.

A formación é moi personalizada para garantir que a adquisición de coñecementos e habilidades sexa óptima. “O noso obxectivo é lograr que a cirurxía xinecolóxica sexa toda por laparoscopia. Nestes momentos non atopo xa ningunha intervención desta especialidade que sexa mellor realizar pola vía tradicional. Só se precisa dos medios axeitados, entre os que se inclúe unha práctica adecuada por parte dos xinecólogos”, explica Obispo.

O presidente da SGOX asegura que cando visitou o Tecmeva “quedei sorprendido. Ten material de primeira magnitude e unhas instalacións cómodas para desenvover a aprendizaxe”, ao que engade o apoio da Tecnópole para atopar empresas colaboradoras.

A cirurxía laparoscópica ofrece unha alternativa á convencional (aberta) a través de pequenas incisións (un centímetro ou menos) polas que se introduce instrumental de tamaño minúsculo e unha cámara que guía a intervención con imaxes de alta precisión. Ademais de resultar máis seguras e efectivas, estas técnicas minimamente invasivas minimizan os riscos e permiten unha recuperación máis rápida dos pacientes. “A cirurxía laparoscópica achega un campo cirúrxico maior e unha mellor visión a través de imaxes que melloran a visibilidade directa do ollo humano”, aclara Obispo.

Máis presenza feminina

Nove dos once xinecólogos que se están a formar en Tecmeva son mulleres, o que coincide coa práctica maioritaria feminina desta especialidade: máis do 60% do total.

Durante o curso, os alumnos e alumnas aprenden a aplicar estas técnicas á ligadura de trompas, á extirpación de quistes e hernias, á determinación do estadio dun tumor, á endometriose, etc. Para facelo posible, teñen á súa disposición en Tecmeva unha sala de adestramento con catro postos completos de endoscopia e un quirófano con instrumental e material específico de cirurxía laparoscópica, ademais de dous simuladores virtuais.

O presidente da SGOX asegura que o obxectivo deste tipo de accións formativas é acelerar a implantación desta técnica, que nalgúns hospitais está a ser lenta. Neste sentido, Obispo destaca a colaboración do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para facilitar a asistencia dos especialistas ao programa. “Tamén é singular e moi importante a implicación de empresas e entidades que non teñen que ver especificamente coa medicina, como son Tecnópole, a Fundación Paideia, Coren e Karl Storz, que apostaron con nós por este proxecto de saúde”, salienta.

O quirófano do futuro

O Tecmeva foi financiado con 1,7 millóns de euros a través do Subprograma de Apoio a Actuacións Científicas e Tecnolóxicas en Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (ACTEPARQ) do Plan Nacional de I+D+I.

Desde a súa posta en marcha en 2010 ten acollido numerosas iniciativas formativas nos campos da xinecoloxía e da pediatría e foi a instalación central do proxecto QUIRAV, apoiado polo programa FEDER-Innterconecta da Consellería de Economía, Emprego e Industria para desenvolver un quirófano do futuro, un sistema avanzado que contribuirá á mellora nas condicións de seguridade, eficiencia e calidade da actividade cirúrxica. O proxecto, coordinado por Bahía Software, tivo como socios as empresas Everis, Plexus e Egatel e nel participaron tamén Tecnópole, a Universidade de Santiago e a Fundación Ramón Domínguez.