Xiaomi e Ikea alíanse para crear “fogares intelixentes”

A empresa chinesa fabricante de teléfonos e tecnoloxía Xiaomi anunciou unha nova alianza coa cadea sueca Ikea para ofrecer produtos que permitan crear “fogares intelixentes”

Dende decembro, os produtos de iluminación intelixente de Ikea conectaranse á plataforma de intelixencia de Xiaomi para que os clientes poidan controlalos co asistente de voz dende unha aplicación móbil, informan hoxe os medios locais.

“Xiaomi e Ikea comparten unha misión similar para mellorar a vida das persoas, e a asociación global axudará a acelerar o desenvolvemento da industria dos fogares intelixentes no mundo”, sinalou o director xeral das tecnoloxías do “internet das cousas” (IoT, en inglés) de Xiaomi, Fan Dian, citado polo diario oficial China Daily.

Pola súa parte, a cadea sueca de mobles e obxectos para o fogar destaca que a súa alianza con Xiaomi permitirá crear unha experiencia “perfecta” aos clientes de todo o mundo, que poderán mellorar a súa vida cotiá grazas ás novas tecnoloxías e as solucións dixitais.

“Propuxémonos a misión de crear produtos intelixentes para moitas persoas, facéndoos realmente alcanzables e doados de entender. Para ter éxito, necesitamos cooperar”, dixo Bjorn BlocK, do departamento de Fogar Intelixente de Ikea.

Fundada en 2010, Xiaomi, con sede en Beijing, creou unha das plataformas de IoT para consumidores máis grandes do mundo, con máis de 132 millóns de dispositivos con intelixencia artificial, sen incluír os teléfonos intelixentes e os ordenadores persoais, segundo a empresa.

(Fonte: Expansión)