Xa se coñecen as cen iniciativas finalistas da competición de South Summit 2019, entre as que figura a empresa Xesol Innovación, con sede en Tecnópole. O centenar de proxectos destacados foi elixido entre os máis de 3700 que se presentaron a esta edición, procedentes de países como Estados Unidos, Colombia, Israel, India ou Reino Unido.
Un comité de 150 expertos formado por investidores e referentes en innovación das corporacións realizou un proceso de valoración no que tivo en conta, entre outros parámetros: a innovación do proxecto, a súa escalabilidade ou a capacidade interna para crecer, o equipo de profesionais que forma o proxecto e o interese de investimento que poida xerar.
Xesol Innovation foi seleccionada polo seu traballo na busca de solucións para o sector da mobilidade intelixente e os vehículos autónomos e conectados, apostando por solucións para reducir as estatísticas de accidentes causados por erros humanos.
Nesta edición de South Summit outras dúas startups galegas foron elixidas como finalistas. Appentra Solutions, que ofrece produtos baseados na tecnoloxía parallelware para facilitar a súa programación permitindo a todos facer un mellor uso do hardware de computación paralela, e Situm Indoor Positioning, coas súas solucións de localización e seguimento de alta precisión e unha infraestrutura mínima para ámbitos interiores nos que o GPS non funciona e os servizos de localización clásicos son moi caros ou non proporcionan datos con suficiente precisión.
Mentoring e bootcamp
As finalistas participarán nun mentoring program personalizado impartido pola rede de mentores de South Summit, dividido en tres sesións e calendarizado para as próximas semanas. Poderán aprender tácticas para mellorar o seu discurso e posicionar o seu proxecto.
Tamén se celebrará o luns día 30 de setembro un bootcamp, como cita previa a South Summit. Durante a formación, as startups finalistas contarán cun equipo á súa disposición para traballar de forma moi intensiva o networking e o desenvolvemento de habilidades para dirixirse a un investidor ou a unha corporación para desenvolver negocio conxunto. De feito, durante o propio bootcamp os proxectos xa poderán comezar a facer networking cos principais axentes do ecosistema emprendedor que participarán tamén no propio South Summit.
En South Summit 2019 terán que enfrontarse en diferentes sesións e en formato pitch ante un prestixioso xurado formado polos principais axentes do ecosistema emprendedor.
(Fonte: El Correo Gallego)