A Xunta de Galicia apoiará á empresa lalinense Aerocámaras para avanzar no seu plan de crecemento nacional e internacional, cun investimento comprometido até un tope de 850.000 euros. Este apoio realizarase a través de Sodiga Galicia, unha entidade que xestiona XesGalicia e dentro das actuacións do plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia.
Aerocámaras fundouse en 2007 e xa é unha referencia no sector, así como a primeira escola en formación de Europa, con máis de 35.000 alumnos certificados, 40 centros oficiais repartidos pola Península Ibérica, convenios coas mellores universidades de España e instrutores con máis de 25.000 horas de voo.
A firma xa está presente en España e Portugal, e iniciou o seu proceso de expansión internacional a través da compra doutras compañías do sector en Estados Unidos e Latinoamérica. Na actualidade traballa en diferentes países de Europa, África e Latinoamérica, e ten clientes como Repsol, Abertis, Acciona, Bayer ou Gamesa.
En canto a XesGalicia, é o brazo investidor de capital de risco da Xunta, ofrecendo apoio financeiro mediante capital ou préstamos. XesGalicia inviste a través de catro vehículos especializados, cun capital superior aos 200 millóns de euros. Desde hai 50 anos, os investimentos de Sodiga Galicia diríxense a empresas con alto potencial de crecemento, xestionadas por empresarios de solvencia profesional e relacionadas co desenvolvemento e consolidación da economía e industria de Galicia.
Fonte: Faro de Vigo