Xapón crea o primeiro vehículo eléctrico capaz de circular sen baterías

Un equipo de científicos da Universidade de Tecnoloxía de Toyohashi (Xapón) e a compañía Taisei desenvolveron o primeiro vehículo eléctrico capaz de circular sen baterías, utilizando no seu lugar unhas pinas especiais.

O vehículo foi sometido a unha proba de circulación nun colexio da localidade de Toyohashi, na que ambas as dúas entidades mostraron como é capaz de circular impulsado grazas á enerxía xerada por uns pneumáticos con arames de aceiro sobre unha superficie previamente electrificada, informou a axencia de noticias Kyodo.

Sobre a pista colocáronse dous camiños de aceiro electrificado en paralelo baixo o vehículo, de tal maneira que abranguesen o ancho do automóbil e que os arames das pinas e a superficie formasen un circuíto eléctrico que lles permite desprazarse. O vehículo percorreu 30 metros a unha velocidade duns 10 quilómetros por hora sen problemas, efectuando unha aceleración “fluída” e ofrecendo un manexo “confortable”, indicou o profesor Takashi Ohira, parte do equipo de desenvolvemento.

Os vehículos eléctricos convencionais non son adecuados para percorrer longas distancias debido á relativamente pouca capacidade das baterías, pero a instalación de autoestradas electrificadas -condición indispensable para o funcionamento deste novo vehículo- podería solucionar o problema, expuxo Ohira.

(Fonte: Agencias)