Warby Parker, distinguida como a empresa máis innovadora do mundo

A revista Fast Company, que anualmente elabora un ranking coas firmas máis innovadoras, colocou á firma de lentes Warby Parker en primeira posición, superando a Apple, Alibaba, Google ou Instagram. Segundo a publicación, este recoñecemento supón unha recompensa por ser “a primeira grande marca feita para Internet”.

Fundada en 2010, conseguiu superar os 88,2 millóns de euros de facturación cun modelo de negocio vertical baseado no buy-one-give-one, ou compra sen intermediarios, evolucionando dende unha plataforma web de nicho nun dos portais de vendas polo miúdo de material óptico máis destacados. Ademais, evolucionou converténdose nunha empresa omnicanal, cunha decena de tendas en Nova York, Los Angeles, San Francisco, Boston, Chicago ou Atlanta, e con presenza en varios outros puntos multimarca de Estados Unidos.

A idea xurdiu cando, durante unha viaxe, un dos seus fundadores perdeu as lentes e comprobou o difícil que resultaba acceder, nalgúns países, a un par de lentes polos seus altos prezos. De aí, idearon Warby Parker, realizando os seus propios deseños e traballando directamente con fabricantes en China, conseguindo un produto a un prezo axustado, grazas á eliminación de intermediarios.

Os prezos de Warby Parker roldan os 83,8 euros por unhas lentes con graduación simple, e os 260,4 euros por unhas progresivas. Ademais, a compañía está asociada coa organización sen ánimo de lucro VisionSpring, e por cada par de lentes vendidos, o grupo manda outras a alguén con necesidade.

(Fonte: Innovamás)