O Parque Tecnolóxico de Galicia porá en marcha a finais de outubro a primeira Aula Newton de España con carácter permanente. É unha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas; destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre os mozos cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Trátase dunha iniciativa promovida por Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
En Tecnópole equipouse un grande espazo para albergar esta Aula Newton, que se presenta como unha oportunidade para que estudantes de entre 14 e 16 anos utilicen equipos de alta calidade, colaboren, debatan e se divirtan ao redor das denominadas materias STEM. Sitúase na planta baixa do edificio CEI (Centro de Empresas e Innovación).
Esta proposta diríxese a estudantes de 3º e 4º de ESO, con grupos de entre 18 e 36 alumnos. As actividades, que son gratuítas, levaranse a cabo os venres durante todo o curso escolar, a partir do 29 de outubro, en horario de 9.30 a 14.15 horas. Espérase que este curso pasen pola aula ao redor de 1200 alumnos de toda Galicia.
A primeira experiencia que se vai a desenvolver leva por título “Voamos con números: unha aventura aérea”. Neste módulo, os estudantes reciben unha misión do Centro de Coordinación de Salvamento Conxunto. Deberán asistir na observación de diversas localizacións na rexión de Bodø (Noruega) para axudar a establecer as prioridades das misións de rescate. O alumnado planificará os seus propios voos, prepararanse para iso realizando cálculos matemáticos con unidades, distancia, velocidade e tempo, determinando o rumbo correcto, e chegarán a dominar a navegación. Traballarán en parellas ou tripulacións, e deberán cumprir a súa misión realizando un voo en simuladores de voo avanzados. Instrutores cualificados ofrécenlles asistencia e orientación durante a formación de voo e o desenvolvemento da misión.
Máis información: https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia
Fonte: Tecnópole