Ese foi o comezo e así o conta David González Rey, delineante, cofundador e xerente da empresa que ten a súa sede no polígono de San Cibrao das Viñas e na que se realiza o traballo de transformación e comercialización destes espazos. En abril do 2014 empezou a actividade da empresa e os dous primeiros colectores viaxaron a Madrid ao Hospital La Paz. Despois virían outros encargos como o que chegou dos organizadores do Mundial de Baloncesto que se disputou en España. Un dos patrocinadores principais montou unha zona de promoción e mercadotecnia dos seus produtos e o encargo fixéronllo a esta empresa ourensá.
Myboxexperience dedícase sobre todo á reciclaxe de colectores de transporte para convertelos en espazos habitables, para eventos ou instalacións temporais como escolas ou dispensarios médicos.
Abastécense de provedores de Madrid, Valencia ou Portugal “e estamos a buscar tamén provedores en China, aclara David González, quen matiza que “temos a posibilidade de compralos dunha soa viaxe, que son os que veñen de China, e quedan no porto, polo tanto son novos”. Non obstante, o representante da empresa alude a que os clientes “adoitan pedirnos o efecto reciclaxe”.
Polo momento construíronse catorce espazos deste tipo e como encargos máis inmediatos están a montaxe dun para unha praia próxima a Sanxenxo, “unha especie de boxbeach para cafetería e zona de copas en primeira liña de praia”, subliña o xerente de Myboxexperience. Tamén ultiman outros contratos para a costa de Gran Canaria para escolas de surf, mesmo poderían saír cinco colectores máis para montar nas praias de Granada.
Futuro internacional
De cara ao futuro o reto é potenciar a división de investigación e desenvolvemento, segundo pon de manifesto David González. Entre os seus plans inmediatos está ampliar o mercado da empresa cara á exportación, apostando por países como Siria, Iraq ou Angola, pero tamén cara a Hispanoamérica, con especial interese por entrar en Santo Domingo. A estes países ofertaranse colectores que poden usar como escolas, pequenas vivendas ou mesmo como dispensarios clínicos provisionais.
O crecemento en fabricación e polo tanto en volume de negocio será de case un 50% nun ano, cando menos esas son as estimacións que manexan os responsables da empresa, que poden servir un colector nun prazo máximo dun mes. En canto aos prezos, dependendo dos tamaños e o equipamento do colector, van dende os 12.000 euros ata os 22.000 se se trata dunha pequena vivenda, en cuxo caso debe cumprir o código técnico de edificación.
(Fonte: La Región)