Drons que estudan o viñedo e elaboran un mapa da cantidade de vexetación que hai en cada parte da parcela. Unha aplicación que, a partir dese mapa, deseña outro no que establece a cantidade de fitosanitario que se debe aplicar en cada parte da leira en función precisamente da vexetación que existe en cada lugar. E tractores que, de forma automática, interpretan todos eses datos e regulan eles sós a cantidade de produto que se debe aplicar en cada parte do viñedo.
É a agricultura de precisión que permite aos viticultores reducir ata nun 20 % a cantidade de fitosanitarios e que foi desenvolta grazas ao proxecto Gophytovid, un grupo operativo liderado por Bodegas Torres no que, ademais doutras adegas españolas, participan Martín Códax e a Universidad Politécnica de Cataluña e a de Lleida.
O director técnico de Bodegas Martín Códax, Miguel Tubío, explica que Galicia ten grandes problemas coa aplicación dos fitosanitarios. Primeiro, porque é unha zona cun clima moi favorable para o desenvolvemento de enfermidades fúnxicas. “Durante abril e maio, o 95 % dos días houbo condicións favorables para a infección secundaria de mildiu”, indicou. E, en segundo lugar, porque moitos dos viñedos desta rexión sitúanse nas inmediacións das vivendas, por iso é polo que a adega estea especialmente interesada en reducir o uso destas substancias e participase en numerosos proxectos de investigación sobre esta materia.
Gophytovid parte da premisa de que “os cultivos de viñedo son moi diferentes entre si e non ten sentido que en todos se aplique un volume fixo de fitosanitarios”, explica Javier Campos, profesor da Universidad Politécnica de Cataluña. O proxecto pretende buscar unha fórmula que permita unha aplicación variable destes produtos, pero dun xeito automático e que sexa sinxelo para o viticultor.
O proceso que deseñaron é automático e comeza cun dron que sobrevoa a parcela na que se quere aplicar o tratamento. “Elabora un mapa de vigor, que clasifica a vexetación das diferentes zonas. É unha tecnoloxía que xa se utiliza en cultivos baixos, como o cereal”, engade Campos. Posteriormente, realízase unha caracterización manual da vexetación de cada zona, para comprobar que o mapa se axusta á realidade do cultivo.
Todos eses datos introdúcense na aplicación informática Dosaviña, que xa pode descargarse nos móbiles e que se converteu nun sistema moi utilizado nas grandes rexións vitivinícolas do mundo. De aí obtense un mapa de prescrición a partir do cal se elabora outro de aplicación real. Esa información trasládase ás máquinas que aplicarán o tratamento.
No programa está a traballarse con dous prototipos, dotados de pantallas táctiles e sistemas de GPS. Isto permite localizar en que parte da parcela está o tractor e, de forma automática, regular a cantidade de fitosanitario que é preciso aplicar, evitando desperdiciar o produto.
Fonte: La Voz de Galicia