Vinte empresas galegas van comercializar diferentes solucións na loita contra o impacto da COVID-19 coa axuda de Tecnópole e a Xunta de Galicia

O Parque Tecnolóxico de Galicia e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), puxeron en marcha unha aceleradora de pemes especializada na comercialización de solucións contra o impacto da COVID-19. Neste programa, denominado Connect-19, van participar 20 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade. A esta iniciativa, á que se van destinar preto de 600.000 euros, presentáronse un total de 53 empresas galegas.

O obxectivo do programa é impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras do tecido empresarial galego que poidan contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola COVID-19, tanto produtos como servizos.

Sectores e solucións moi diversas

As pemes seleccionadas pertencen a sectores moi diversos: saúde, industria, TIC, biotecnoloxía, social… Teñen en común que dispoñen dun produto ou servizo innovador que pode contribuír á loita contra o impacto producido pola crise da COVID-19 (xa sexa desde o punto de vista social ou económico) e que xa se pode incorporar de forma inmediata ao mercado ou xa está no mercado pero precisa dun impulso para o seu posicionamento. E o programa Connect-19 apoiará e reforzará esa comercialización.

As 20 empresas ofrecen solucións moi dispares, desde unha aplicación para controlar a desnutrición e a inxesta dos pacientes covid, un kit para a  detección  precoz da enfermidade, ingredientes cosméticos con capacidade antiviral efectivos contra os coronavirus, ata a creación de tecidos para combater bacterias e virus en colchóns.

Son varias as empresas que van desenvolver diferentes elementos de hixiene e protección. Tamén se ofrece un sistema de control da temperatura en tempo real; un sistema de nebulización contra virus e bacterias; un punto de control de acceso e hixiene en instalacións; un dispositivo para o recoñecemento de xestos destinado a minimizar o contacto con superficies contaminadas; un sistema de vixilancia de espazos públicos a través do uso de drons, que permite realizar un conteo de personas e medir a distancia entre elas; ou un sistema de medición de audiencia que estima varios parámetros das persoas captadas por unha una cámara de utilidade para controlar o uso de mascarillas, a distancia social ou o aforo.

Outra das propostas céntrase no deseño dunha ferramenta de espazos virtuais colaborativos para traballar de xeito novidoso e seguro. Tamén se seleccionou un sistema para mellorar a coordinación entre os distintos axentes en residencias e centros de día; así como unha solución que permite levar a cabo todos os procesos dunha empresa desde unha mesma plataforma, evitando o contacto físico e potenciando o teletraballo.

Seguirase unha folla de ruta personalizada con cada empresa

Durante cinco meses as 20 empresas beneficiadas recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica, ao tempo que se potenciará a súa capacidade de captación de financiamento e se financiarán os servizos de fortalecemento comercial. Para iso seguirase unha folla de ruta personalizada enfocada a reforzar o acceso ao mercado de cada un dos proxectos. Trátase de compañías que xa teñen presenza efectiva no mercado e o que se busca a través deste programa é fortalecer e maximizar as súas capacidades de xerar valor social e económico.

Entre outros aspectos, as pemes participantes recibirán apoio para obter acreditacións de innovación e certificacións, así como para avanzar na comercialización e internacionalización dos seus produtos ou servizos, identificando novos mercados potenciais. Así mesmo, axudaráselles a captar socios investidores. Expertos en diferentes áreas de crecemento empresarial e comercialización traballarán coas empresas seleccionadas de xeito personalizado.

Fonte: Tecnópole