Vigo acolle setenta emprendedores no marco da Startup Weekend Galicia

Aproveitando o marco da Startup Weekend Galicia, Vigo acolleu setenta emprendedores que ofreceron as súas últimas creacións no terreo das aplicacións web e móbiles.

Durante 54 horas traballaron con diferentes perfís como desenvolvedores de software, deseñadores gráficos ou especialistas en negocios. A toma rápida de decisións, o pensamento creativo e unha técnica única para facilitar e permitir aos participantes mostrar o que saben facer son algunhas das esencias dunha cita impulsada por Google en máis de 150 países.

Organizada por Startup Galicia, comunidade liderada por emprendedores que pretenden impulsar a creación de startups na rexión a convocatoria prevé aumentar as súas cifras de cara ao ano que vén (esta edición foron 23.000 os equipos formados) e “seguir dando oportunidade a todos aqueles emprendedores que non teñen moi claro como arrancar o seu negocio”, segundo apuntaron dende a organización. Ademais, a posibilidade de expandir o evento a máis cidades galegas está presente de cara a próximas edicións.

Tras a apertura, coa proposta Micro aberto, os participantes tiveron a oportunidade de compartir ideas, contactos e proxectos. Todas as ideas foron presentadas en tan só un minuto co fin de conseguir que outros emprendedores se unisen ao proxecto de cada un. Deseguido realizouse unha votación para elixir as ideas máis populares, cos creadores destas como os responsables de formar equipo.

Precisamente unha das características diferenciais da Startup Weekend é que non é necesario ter unha idea, xa que existe a posibilidade de incorporarse aos equipos que resulten máis atractivos. Tras presentar o seu prototipo nun pitch breve diante dun xurado especializado, Trendsintrendy, aplicación que se serve do Big Data para predicir os comportamentos da moda, foi galardoada como a idea máis innovadora desta edición. O segundo posto foi para Meet2me, aplicación para localizar persoas coas mesmas actividades laborais.

(Fonte: Innovaspain)