Viaqua e a Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua), xunto coa Axencia Galega de Innovación, lanzan un proxecto conxunto para apostar polo desenvolvemento de sistemas avanzados de tratamento de auga coa creación da unidade mixta Centro de Innovación de Sistemas avanzados de Tratamento de Auga (Cigat). Esta unidade mixta, que naceu no marco da estratexia de especialización intelixente de Galicia, desenvolverase durante os próximos tres anos e mobilizará un investimento de dous millóns de euros.
As previsións apuntan a que crearán seis postos de traballo cualificado. Fontes de Viaqua apuntan a que a colaboración entre estas organizacións supón un “paso máis cara á vontade de construír novos modelos de colaboración público-privada para situar Galicia na vangarda da innovación tecnolóxica no sector da auga”.
As mesmas fontes aclaran que a unidade mixta ten como misión a posta en marcha de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación para lograr unha transferencia de coñecemento de utilidade no mercado nos próximos anos. “Trátase dunha acción máis que demostra o compromiso de Viaqua co territorio”, aclaran.
(Fonte: La Voz de Galicia)