Viadutos con aeroxeradores, nova fonte de enerxía renovable

As grandes pontes da rede de estradas poderían incorporar turbinas eólicas para producir electricidade. Así o confirman os cálculos efectuados por un equipo de enxeñeiros europeos, que tomaron como referencia un viaduto de Canarias. Esta idea poderíase aplicar en territorios masificados con infraestruturas ou en áreas naturais onde se limita a construción de novas instalacións.

O viaducto do Barranco del Juncal, en Gran Canaria, serviu de referencia a científicos españois e británicos para comprobar que o vento que sopra entre os piares deste tipo de infraestruturas pode mover aeroxeradores e producir enerxía.

O estudo baséase en modelos e simulacións por ordenador levados a cabo polo investigador Óscar Soto e outros colegas da Universidade de Kingston (Reino Unido). Os científicos representaron os distintos tipos de turbinas mediante discos porosos para valorar a súa resistencia ao aire e probar diversas configuracións.

“Como é natural, canta máis superficie abarque o rotor, máis potencia se pode extraer; non obstante, vimos que en turbinas pequenas a relación de potencia producida por m2 é maior”, explica Soto, pero sinala que a configuración de dúas turbinas idénticas sería a máis viable para incorporar aos viaducos: “Así conséguese un maior equilibrio, tanto desde o punto de vista estrutural como eléctrico, o que inflúe nun menor custo económico”.

Se só se valorara a potencia producida, as mellores solucións serían instalar dous rotores de tamaño diferente -para abarcar a maior superficie posible-, ou ben unha matriz de 24 turbinas pequenas -pola súa potencia por unidade de superficie e peso lixeiro-, pero respecto á viabilidade triúnfa a opción dos dous rotores iguais cun tamaño medio. Os resultados confirman que cada viaduto presenta as súas posibilidades enerxéticas e potencial eólico característicos. No caso de El Juncal, a potencia avaliada roldaría os 0,25 MW por cada turbina. Ao ser dous, sumarían un total de 0,5 MW, o que se clasifica dentro da gama de aeroxeradores de media potencia.

140 toneladas menos de CO2 ao ano

“Isto equivalería ao consumo medio dunhas 450 ou 500 vivendas”, apunta Soto, quen engade: “Unha instalación deste tipo evitaría a emisión dunhas 140 toneladas de CO2 ao ano, unha cantidade que representa o efecto de depuración dunhas 7200 árbores”.

Esta investigación foi promovida pola empresa canaria ZECSA. Nela tamén  participaron científicos da Universidade de Vigo para analizar as conexións eléctricas que se necesitarían para desenvolver o proxecto, xunto a outros da Universidade das Palmas, que se encargaron da súa integración no ámbito das enerxías renovables. De feito, o traballo publicouse na revista Renewable and Sustainable Energy Reviews e enmárcase dentro da iniciativa PAINPER, un plan de aproveitamento de infraestruturas públicas para impulsar as enerxías renovables.

“PAINPER é unha iniciativa que xurdiu a raíz das dificultades observadas para a implantación deste tipo de enerxía en territorios masificados por infraestruturas, así como en espazos protexidos onde é escasa a superficie útil para novas instalacións”, apunta Aday C. Martín, xerente de ZECSA, quen considera que a enerxía renovable dos aeroxeradores nos viadutos poderíase sumar á obtida noutras instalacións eólicas, solares, xeotérmicas e de biomasa.

(Fonte: SINC)