A primeira peza que confeccionou Roberto Verino foi unha chaqueta de pel. Peza inmortalizada nunha das 40 imaxes que tecen a exposición «#Cuarentamásuno», con motivo dos catro decenios que o deseñador galego leva na industria da moda.
A exposición está composta por material audiovisual que axuda a entender a esencia do estilo Verino, unha agulla imprescindible da moda española que pon a calidade e a ética por riba das cuestións meramente estéticas. «O visitante entenderá, a través dos audios, os vídeos e as fotografías que o noso estilo perdura a través dos anos. Son un verdadeiro defensor da importancia da beleza atemporal que nunca pasa de moda», indica Verino.
«Sempre traballei a sinxeleza e a funcionalidade para ofrecerlle áo consumidor pezas que se converten nun magnífico investimento e non nun gasto. Construír armarios emocionais é o meu principal obxectivo», explica o modisto. «Aquel que contén pezas que teñen un valor e significado para nós porque forman parte da nosa vida, porque as compramos nun momento importante ou as herdamos», asegura.
A preocupación polo medio ambiente é unha constante nas súas coleccións. «Para min a sustentabilidade nace como consecuencia de consumir de forma racional. Agora todos falan de sustentabilidade. Que importante resultaría ser conscientes do legado que deixaremos aos nosos descendentes! Podo presumir -asegura- de abandeirar esa filosofía».
Fonte: La Voz de Galicia