O Varstiff caracterízase por adoptar formas diferentes. Ao aplicarlle baleiro vólvese ríxido ata alcanzar durezas equivalentes ás dun plástico convencional. A súa versatilidade convérteo nunha tecnoloxía con gran percorrido en calquera industria.
“Buscamos proxectos que a través deste material sexan aplicables á automoción, o deporte, o téxtil ou a saúde”, explicou a Innovaspan Germán Lasa, responsable de mercadotecnia e comunicación de Tecnalia Ventures. Concretamente, Lasa indicou que no terreo da automoción hai grandes posibilidades. “Cadeiras de bebé, asentos, melloras para convertibles… É un sector que ofrece grandes posibilidades”.
O primeiro premio obterá 14.000 euros para desenvolver o prototipo do proxecto e dereitos sobre este, concretamente, o 4% da facturación do produto os dous primeiros anos da súa comercialización e o 2% o terceiro e cuarto ano. O 24 de novembro finalizará o prazo de presentación de propostas.
Os emprendedores interesados en presentar as súas ideas deberán definir as características técnicas do deseño de produto, o problema de cliente ao que dá resposta a aplicación proposta, estimar en euros a oportunidade global de mercado ao cubrir ese segmento de clientes e definir como a aplicación xera valor ao cliente.
Neste sentido, serán importantes as perspectivas de beneficio e a vantaxe competitiva en relación con produtos existentes, así como identificar que outras empresas e produtos cobren a mesma necesidade e cales serían as súas fortalezas e debilidades. Os criterios de selección terán á “innovación como sinal de identidade e que os negocios sexan investibles”, concretou Lasa.
(Fonte: Innovaticias)