Vantaxes dos coches do futuro

Ningunha marca tradicional do motor quere que unha tecnolóxica lle quite o posto e xa sexa de forma individual ou con colaboracións, no CES 2016 das Vegas vimos desenvolvementos curiosos que van máis alá do coche autónomo ou conceptos de Batmóvil.

Ademais do paragolpes de BMW que sabe quen che rozou o coche ou o máis parecido a KITT que atoparás na actualidade, hai ata 8 innovacións tecnolóxicas para o coche que vimos nas Vegas e son realmente asombrosas.

Ver as túas series nun Volvo

Os servizos de entretemento e multimedia estiveron sempre presentes cando nos imaxinamos un coche tecnoloxicamente avanzado. É ademais unha das promesas dos coches autónomos: que podemos gozar sen risco de calquera contido na gran pantalla do noso flamante coche. Volvo tomouno moi en serio.

Nos seus futuros coches autónomos unha serie de tablets e pantallas xigantes sairán de diferentes compartimentos cando queiramos gozar de contido a demanda. E aí probablemente estea Netflix ou calquera outro servizo de streaming que, en colaboración con Ericsson, Volvo colocará sen cortes e con melloras no coche.

O coche autónomo de Volvo axustará a duración da túa viaxe para que non quedes a medio dese capítulo tan interesante que estabas a ver no teu asento.

O sistema de entretemento terá en conta as preferencias de cada usuario para asegurarse de que a serie que imos querer ver está descargada e que non nos afectará o paso por unha zona sen cobertura para o streaming. Ademais, o coche axustará se queremos a ruta e velocidade para conseguir que o usuario poida rematar a película que estaba a ver a bordo ou o capítulo da súa serie preferida.

Ver perfectamente o que pasa sen retrovisores

O uso de diferentes sistemas para avisarnos da presenza de vehículos no punto morto do retrovisor ou ás nosas costas cando aparcamos non é nada novo. Pero o BMW i8 que se viu polas Vegas vai máis alá e quita eses espellos para colocar no seu lugar un sistema de cámaras que nos dá unha visión perfecta e aumentada do que rodea ao coche.

Segundo BMW, a combinación das cámaras dos dous retrovisores e a traseira ofrécenos unha imaxe cun ángulo de visión que sería imposible conseguir cos espellos tradicionais. Ademais permite deseños máis arriscados do vidro posterior sen medo a perder visibilidade e seguridade.

Sentir que tes o Coche Fantástico no teu garaxe

O de que un toque no smartphone ou o smartwatch nos permita acender a calefacción do coche antes de subir a el ou comprobar o estado da batería do noso híbrido é historia. O futuro, segundo Microsoft e Volvo, é levar posta unha pulseira Band 2 da compañía e indicarlle calquera tipo de instrución a distancia.

Manexar a pantalla do teu Mercedes cun touchpad no volante

Se os paneis e diferentes elementos informativos do cadro de instrumentos dos coches está dando o paso ao mundo dixital, co que gañamos unha alta personalización, o xeito de controlalos e configuralos mesmo mentres conducimos ten que cambiar.

Á voz ou os xestos engádese agora a opción dunha especie de touchpad que podemos mesmo usar con luvas e que Mercedes estiveron a demostrar nun dos seus Clase E máis actuais.

Abrir as portas sen tocalas

O Volkswagen BUDD-e concept é un dos coches deste CES 2016. O seu deseño, autonomía eléctrica ou mesmo que poida funcionar como xerador de enerxía para o noso fogar son as súas características máis relevantes e que xa che contamos.

Pero gustounos moito tamén o seu sistema de apertura de portas, que inclúen zonas táctiles así como tecnoloxía de control por xestos para que nin teñamos que tocar a porta.

Revisar o teu PowerPoint de camiño ao traballo

Harman fíxoo. O momento de relax ao volante mentres ías ao traballo a esa reunión que estiveras a preparar toda a noite rematouse. En colaboración con Microsof, a idea desta compañía é que certos elementos da suite de ofimática máis coñecida teña certa presenza durante as túas horas ao volante.

Por agora o plan parece máis centrado en revisar correo ou a axenda, así como realizar videoconferencias, pero xa sabes que ese PowerPoint co que soñaches pode que te estea a esperar no parabrisas do coche.

Comprobar dende o coche se pechaches a porta de casa

Xa advertiu Amazon que quería sacar o seu asistente de voz do seu Echo e así foi. Neste CES 2016 presentou unha colaboración con Ford para integrar o seu asistente en vehículos e permitir unha combinación entre o vehículo e a domótica de casa.

A conversación pode ser dende ambos os dous lados , e poderase usar Echo na casa para comprobar o nivel de gasolina do coche ou activar diferentes sistemas, mentres que dende o coche, no medio dun traxecto, poderemos comprobar se a porta do garaxe está pechada ou a alarma de casa activada.

Saber quen che rozou o coche

Para algúns usuarios, o coidado do exterior do seu coche é algo prioritario. E non hai nada máis frustrante que chegar ao lugar onde aparcaramos o noso coche e atopar un golpe ou rozamento sen máis información de quen o fixo.

BMW mostrou nas Vegas un paragolpes con sensores que, en caso de golpe, activa automaticamente as cámaras periféricas para recoller información sobre matrícula ou detalles de quen provocou ese golpe. Tamén esas cámaras servirán para enviar vídeo en streaming en caso de que haxa un intento de roubo do coche.

(Fonte: Xataka)