Universidade de Vigo e CEO colaborarán para impulsar a innovación en Industria 4.0 e economía circular

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Universidade de Vigo, co apoio do Igape, puxeron en marcha o Proxecto B2i para apoiar o desenvolvemento de proxectos de innovación nos ámbitos da Industria 4.0 e a economía circular nas empresas ourensás.

Grazas a este programa, as empresas asociadas á CEO, que teñan a necesidade de desenvolver proxectos de innovación e investigación, dentro dos ámbitos da Industria 4.0. e a economía circular, tras superar un breve diagnóstico empresarial, poderán acceder a axudas, ademais doutro tipo de vantaxes. A intención dos seus promotores é que no seu primeiro ano se poidan apoiar proxectos dunha vintena de compañías.

O presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, definiu o Proxecto B2i como “unha importante iniciativa na que CEO, Universidade de Vigo e Igape danse a man para traballar sobre iniciativas de investigación e desenvolvemento nos ámbitos da industria 4.0 e a economía circular”.

Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da Escola de Informática do Campus ourensán e responsable do Comité de Dirección do Campus da Auga, explicou a metodoloxía de traballo que se aplicará no Proxecto B2i, que inclúe, entre outros aspectos, dende “o diagnóstico previo coas empresas” da man de técnicos da propia Confederación e da Universidade, ata “a busca do mellor equipo da Universidade para traballar no problema”.

Axudas do Igape

Da explicación das axudas que a Administración galega pon a disposición das empresas que se integren neste programa encargouse José Manuel Fernández, xerente de Competitividade do Igape, quen destacou a concreción das actuacións, que están circunscritas a proxectos concretos, fórmula que incrementa notablemente as posibilidades de éxito.

En total son sete liñas abertas este ano polo Igape as relacionadas coa Industria 4.0 e a economía circular. Fernández afirmou con rotundidade que “a produción sustentable e a xestión axeitada dos residuos pasaron de ser unha actitude vital ou empresarial a converterse nunha variante de negocio, posto que hai moitos compradores ou usuarios que buscan o servizo de empresas que cumpren eses parámetros e iso convértese xa en maior rendibilidade”.

O punto de vista práctico achegouno José Piñeiro, da empresa Kiwi Atlántico, que leva 30 anos no mercado e sometida a un proceso de constante evolución e modernización “para poder adaptarnos ás esixencias do mercado. Estamos en tempos nos que os compradores reclaman cambios nos pedidos de forma continuada e habemos de ser capaces de responder a esas esixencias”. Piñeiro contou como puxeron en marcha importantes proxectos incardinados na Industria 4.0 e na economía circular, como estratexia de futuro. Neste sentido valorou as axudas concedidas polas administracións, que axudan a implantar e consolidar novos proxectos.

(Fonte: Economía en Galicia)