Unha viaxe conectada e sen interrupcións: a nova idea de Volkswagen e Microsoft

Cando Volkswagen comezou a planificar o seu acercamento aos coches eléctricos e a tecnoloxía autónoma, a compañía enfrontouse a un gran desafío: como construír un automóbil conectado que permitise aos condutores acceder sen problemas aos servizos dixitais sobre a marcha. Por exemplo, un condutor pode estar a escoitar música na súa casa e querer seguir facéndoo mentres se sobe ao automóbil, despois debe atender unha chamada de traballo e tras isto, consultar o seu calendario online. O acceso a eses servizos na estrada pode ser complicado, xa que as aplicacións de provedores externos xeralmente non se comunican entre si de xeito fluído.

É un problema co que empresas de automoción de todo o mundo están lidando á hora de crear experiencias de condución personalizadas e conectadas que se integren na vida diaria dos clientes. Para facer fronte a ese desafío e obter o coñecemento necesario para construír os seus propios servizos de mobilidade, Volkswagen dirixiuse a Microsoft. As dúas compañías chegaron a un acordo de colaboración para desenvolver Volkswagen automotive Cloud, unha plataforma cloud global que proporcionará servizos de mobilidade dixital para toda a carteira de clientes da empresa automotora.

“Este é un punto de referencia na industria en canto á unión de forzas, unha colaboración na que se pon o mellor de cada empresa para construír un negocio en conxunto,” di Heiko Huettel, xefe de automóbiles conectados do Grupo Volkswagen. Como Volkswagen pretende transformar a súa compañía nun negocio impulsado por servizos dixitais, a nube de Volkswagen automotive construirase coa base tecnolóxica de Azure Cloud e a plataforma IoT Edge de Microsoft. Para empezar, a nube aproveitará os servizos cloud de Microsoft, incluídos Azure IoT, PowerBI e Skype, para axudar a crear experiencias de consumo no automóbil, telemática e solucións de produtividade. Ao construír a súa propia nube, Volkswagen aproveitará mellor os servizos en mobilidade constante de toda a súa carteira de marcas.

Volkswagen establecerá a súa nova entidade legal en Norteamérica, preto da sede central de Microsoft en Redmond, Washington, para construír a súa nova nube automotora. Microsoft proporcionará asistencia práctica e recursos de iniciación de consultoría de enxeñería. A nova entidade estará dirixida por un consello executivo que incluirá líderes de negocio e técnicos de ambas as dúas compañías. De feito, a iniciativa chega nun momento crucial para Volkswagen. “O software e os servizos asociados serán clave para diferenciar os fabricantes de automóbiles no futuro”, afirma Huettel, para quen “o simple feito de construír bos coches non será suficiente, e é por iso que o Grupo Volkswagen, e especialmente a súa marca principal de automóbiles, Volkswagen, está a levar a cabo un potente investimento en tecnoloxía eléctrica e autónoma”.

Volkswagen automotive Cloud será parte integral desa estratexia de Volkswagen, na que Microsoft xogará un papel clave para axudar á compañía a transformarse nun modelo baseado en software e servizo. A nova entidade traballará na cultura empresarial e na transformación da compañía cara a ese novo modelo, ademais de levar a cabo un traballo técnico. Dee Templeton, responsable de produto de Microsoft nesta colaboración, asegura que a compañía traballará cóbado a cóbado con Volkswagen para axudarlles a alcanzar esa transformación. Tendo en conta as 12 marcas que forman o Grupo Volkswagen -Volkswagen como tal é a máis grande- e os 640.000 empregados con que conta o grupo en todo o mundo, será unha tarefa complexa.

(Fonte: Innovaspain)