Unha startup de Tecnópole gaña o premio do Clúster TIC grazas á súa pulseira intelixente

Brooband é a resposta ourensá ao bum dos chamados wearables, ou pulseiras intelixentes. Un grupo de emprendedores constituíu en 2013 Brookesia, unha empresa que desde entón traballou no deseño e produción dunha pulseira “que sexa útil e mellore as condicións de vida do usuario”, explican.

José Antonio Velo, Diego Regueira, Marcos Civeira, Óscar Barba e Pablo Rodiz son os pais da ‘criatura’. Con sede en Tecnópole, Brookesia combinou as habilidades emprendedoras, de mercadotecnia e de enxeñaría destes novos empresarios para levantar o seu proxecto de pulseira intelixente, que gañou o premio á mellor startup galega, concedido polo Clúster TIC Galicia, despois de lograr varios premios en convocatorias nacionais e continentais de emprendemento.

A clave do seu éxito, relatan, ten que ver coa procura das carencias dos demais wearables do mercado. “Todos son pechados, é dicir, as empresas desenvolven dispositivos intelixentes que só funcionan cos seus propios desenvolvementos e só cumpren un obxectivo específico, case sempre enfocado á biométrica e ás notificacións do móbil ou a tableta”, explican os integrantes de Brookesia. Fronte aos meros contadores de frecuencia de soño, podómetros e pulsómetros, esta pulseira ‘made in Ourense’ preséntase como “aberta, á marxe da necesidade total de usar máis dun dispositivo, co que o usuario se evita un gasto enorme”.

Esta ‘apertura’ de Brooband ten como clave unha plataforma de aplicacións específicas para a propia pulseira, “a través da que calquera desenvolvedor pode implementar solucións útiles para o día a día, xa sexan de lecer, de eventos ou de traballo”, explican. Outra das grandes novidades da pulseira intelixente ourensá é a capacidade de poder ser empregada como ferramenta de pago, empregando unha emerxente ferramenta pola que un dispositivo de cobro identifica o cartón polo simple contacto da pulseira.

A produción de Brooband está en fase de conclusión. A súa empresa desenvolvedora ten previsto comercializala “entre marzo e maio de 2016”, a un prezo que buscará “a mellor relación de calidade-prezo que existe actualmente no mercado”.

(Fuente: La Región)