A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, anunciou a convocatoria dunha nova poxa de enerxías renovables para inxectar ao sistema outros 3300 megawatts máis de tecnoloxías limpas que, ademais, cobrarán un prezo fixo pola venda das súas enerxías ao sistema durante os vindeiros anos. Trátase da segunda poxa do ano, pois en xaneiro celebrouse outra para 3000 megawatts eólicos e fotovoltaicos, que cobrarán unha media que non chega aos 30 euros por megawatt hora producido; ou sexa, un terzo do que custa estas semanas no mercado almacenista.
A inxección de potencia renovable a un prezo estable e barato é unha das estratexias do Ministerio para conseguir abaratar os prezos eléctricos por xunto. Pero será unha medida que se cociña a lume lento, pois os primeiros 3000 megawatts tan baratos non estarán operativos até o 2023 (hai que construír as plantas aínda). Ademais, os 6000 que se adxudicarán este ano son unha agulla nunha palleira se se comparan cos 110.000 que hai instalados en total en toda España.
Aínda que Ribera detallou que a nova poxa contará con cotas de instalación ultrarrápidas de 600 megawatts «para instalacións que poidan estar a funcionar a finais do ano que vén», e tamén pequenas cotas para ofertas de instalacións de menor tamaño que non tiñan capacidade para competir coas grandes. «O obxectivo é seguir poxando enerxías renovables, seguir facilitando a transformación do sistema eléctrico de maneira ordenada», destacou Ribera.
Fonte: La Voz de Galicia