Segundo o estudo, da investigadora Marta Cobas (do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sustentables), a casca de castaña revelouse como un material altamente útil nas técnicas de adsorción de contaminantes. Así, tras facer probas con cascas e outros materiais, como arxila e algas, as primeiras resultaron ser as que mellores propiedades demostraban.
Por outra parte, tamén se utilizou este residuo orgánico en procesos de biorremediación, é dicir, en técnicas fisicoquímicas para eliminar contaminantes a través do uso de fungos. Neste caso, as cascas de castaña tamén ofreceron resultados prometedores, para inducir a produción de encimas do fungo implicadas nesa eliminación de contaminantes.
A investigación de Marta Cobas incluíu tamén o deseño e simulación mediante software dun sistema integrado secuencial para a eliminación de efluentes de contaminación mixta. Así, a integración de ambas as dúas técnicas (adsorción e biorremediación) supón “unha solución respectuosa co medio, eficaz e sustentable,” segundo esta científica.
(Fonte: EP)