Unha investigación da Unión Europea promete melloras na seguridade alimentaria

Nos últimos anos, a seguridade alimentaria situouse entre os temas políticos prioritarios. Non obstante, malia os inmensos avances logrados, segue habendo algúns problemas e certa inquietude.

O temor polos riscos formulados polos alimentos xa non garda tanta relación con garantir a subministración e a variedade de produtos, senón máis ben coa seguridade, o benestar animal, a saúde vexetal, a etiquetaxe e a trazabilidade.

O proxecto financiado con fondos europeos PROMISE, iniciado en xaneiro de 2012, aspira a esclarecer as dúbidas e reservas con respecto a estas cuestións. En termos xerais, mellorarase e reforzará a integración relativa á seguridade alimentaria entre os Estados membros máis novos e os máis vellos da UE e tamén os países candidatos e depositarase especial interese nas ameazas comúns á seguridade alimentaria e na protección dos consumidores europeos.

Esta iniciativa de trinta e seis meses de duración mantén vínculos con varios outros programas financiados con fondos europeos e, en consecuencia, beneficiarase dos seus resultados e coñecementos especializados. Contribuirá a ampliar a colaboración e a transferencia de coñecementos mediante o intercambio de capacidades técnicas, formación de índole rexional e tarefas de difusión. Tamén se aspira a lograr unha integración entre as autoridades de saúde pública e as entidades competentes en cada país en materia de seguridade alimentaria, de cara a aproveitar os resultados das investigacións. Así mesmo, o consorcio responsable aspira a analizar, avaliar e interpretar o risco de introdución de novas cepas de patóxeno a través da importación ilícita de alimentos á UE dende terceiros países nos que non existe un control rigoroso das cadeas de subministración de alimentos.

O equipo de PROMISE organizou satisfactoriamente varios encontros encamiñados cara ao logro de todos estes obxectivos. A finais do ano pasado celebrouse en Dublín un taller de formación dirixido a novos investigadores e tamén o primeiro evento enfocado especificamente cara ás partes interesadas. No taller formouse novos investigadores en métodos, técnicas e coñecementos prácticos para a detección de patóxenos alimentarios. No outro evento, en formato de webinario transmitido en toda Europa, tratáronse problemas de seguridade alimentaria causados por organismos patóxenos.

Nestes e outros eventos, PROMISE reúne a diversos interesados, como autoridades nacionais de seguridade alimentaria e entidades responsables de saúde pública, de Estados membros da UE co propósito de aproveitar ao máximo os resultados das investigacións con fins de normalización e harmonización. PROMISE está coordinado pola Universidade de Medicina Veterinaria de Viena. O seu coordinador científico é o profesor Martin Wagner, xefe do Instituto de Hixiene Láctea, Tecnoloxía Láctea e Ciencia Alimentaria.

Segundo informou: “A formulación científica de PROMISE céntrase nos riscos microbiolóxicos e a súa mitigación. Na UE e nos países candidatos disponse dun amplo corpus de coñecementos sobre as rutas clásicas de transmisión de patóxenos dentro das cadeas alimentarias. Non obstante, os controis fronteirizos en lugares como aeroportos e pasos entre países parecen ser barreiras ineficaces para previr a importación de alimentos”. Os patóxenos atacan as cadeas de subministración alimentaria en determinados puntos, normalmente nas etapas de precolleita e colleita, e poden sobrevivir aos procedementos de descontaminación aplicados grazas a respostas de adaptación que lles permiten persistir nos produtos que se poñen á venda.

Outro capítulo importante de PROMISE é o dedicado á difusión, o aproveitamento, a formación e o programa de intercambio para investigadores. Xa se están a organizar actividades de difusión e formación, por exemplo a sesión formativa para novos investigadores de Dublín. Ademais da web do proxecto, crearanse varios materiais divulgativos con información xeral sobre o proxecto e os seus resultados.

Prepararanse talleres especiais de divulgación para entidades industriais e PEME en estreita colaboración cos colectivos obxectivo. En outubro de 2013 celebrouse unha reunión de revisión moi satisfactoria que sacou a relucir que PROMISE evoluciona conforme aos seus obxectivos e o seu plan de traballo.

(Fonte: Cordis)