Os creadores da nova tecnoloxía, cuxos detalles se publicaron na revista Transactions on Broadcasting do IEEE, indican que se trata dun método moi novidoso que permite aumentar a robustez do sinal de televisión, conseguindo mellorar a súa calidade mesmo en condicións moi negativas.
A fabricación dos compoñentes televisivos réxese por uns estándares aprobados internacionalmente que se atopan recollidos na norma DVB-T2, aprobada en 2009.
Esta estandarización, que achega novas vantaxes e servizos aos usuarios, como por exemplo unha maior capacidade de transmisión do sinal de TV, supón non obstante un problema para os fabricantes debido ao elevado custo das novas tecnoloxías descritas.
“O custo de creación dos circuítos integrados necesarios para fabricar os novos decodificadores é moi elevado”, asegura Vicente Baena, investigador da ETSI da US e responsable da patente. “Este custo depende directamente da área de silicio que se utilice para fabricalo, polo que é sumamente importante delimitar ben o seu tamaño, xa que deste dependerá o prezo final do produto,”, engade.
Os investigadores conseguiron reducir os custos de fabricación do hardware dos circuítos integrados nos receptores de televisión adaptados á nova norma, reducindo nun 78% a complexidade do decodificador.
Aproximación matemática
“A Nosa tecnoloxía baséase nunha aproximación matemática. No sistema orixinal teórico publicado no estándar hai que calcular unha serie de distancias entre puntos nun plano, o que implica un número elevado de multiplicacións. Cantas menos multiplicacións haxa que realizar, menor será a complexidade do sistema”, explica Baena.
O investigador tamén indica que nos sistemas de electrónica dixital é conveniente evitar a operación de multiplicación. “Neste caso unhas 1024 multiplicacións foron reducidas a 224 operacións simples como sumas e valores absolutos, conseguindo reducir a complexidade do sistema e, polo tanto, o seu custo de fabricación”.
(Fonte: SINC)