Unha innovadora técnica mellora a sustentabilidade ambiental das estruturas de madeira

Científicos da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), que levan dez anos investigando estruturas e materiais para a construción, publicaron un estudo na revista Construction and Building Materials no que se recolle que a sustentabilidade ambiental das estruturas de madeira é mellorable, aplicando diversos criterios relativos a este material e ao seu uso.

O instrumento que desenvolveu este grupo mide a sustentabilidade ambiental das estruturas de madeira segundo os criterios do chamado Método Integrado de Valor para Avaliacións Sustentables (MIVES). Esta metodoloxía utilizouse, neste caso, para crear un Índice de Sustentabilidade Ambiental das devanditas estruturas, tendo en conta diversos criterios e indicadores. Cada indicador recibe un determinado peso relativo, logo asígnaselle unha función valor e, por último, obtense un índice entre o 0 e o 1.

Mikel Zubizarreta, membro do grupo, subliña as vantaxes da madeira para os traballos de construción. “Aínda que a súa resistencia sexa inferior á doutros materiais que se utilizan nas estruturas, é mellor illante, é dicir, ten maior eficiencia enerxética, e menor densidade, polo que o peso da estrutura é menor. Por outra banda, a madeira é un material renovable -as árbores plántanse e crecen, e os bosques son un sumidoiro de CO2- e abundante no País Vasco (preto do 55% da súa superficie son bosques)”.

Non obstante, a madeira utilízase moito menos que o formigón e o aceiro na construción. Segundo Zubizarreta, o motivo é o seguinte: “A xente sente certo receo ante a idea de vivir nunha casa de madeira: é un material orgánico, non é tan consistente como o formigón ou o aceiro, pode incendiarse “… “. Na súa opinión, a causa destes reparos é, en boa medida, cultural: “Hoxe en día hai excelentes tratamentos para mellorar a durabilidade da madeira. Por exemplo, polo que ao comportamento contra o lume se refire, a norma CTE-M especifica como debe deseñarse a estrutura. No norte de Europa (Alemaña, Escandinavia…) utilízase moito a madeira para construír vivendas, malia que o clima é moito máis duro que o noso”.

Máis madeira para as vivendas

Malia todo, o investigador está convencido de que cada vez se utilizará máis a madeira para construír vivendas: “Na miña opinión, o uso da madeira incrementarase, por diversas razóns; entre outras, que o Goberno Vasco está a fomentar o seu uso, e que o País Vasco conta cunha gran superficie boscosa. Iso si: o bosque hai que coidalo, hai que xestionalo axeitadamente, hai que reforestar… Deste xeito, crearíase emprego e riqueza, e a madeira tería un maior valor engadido”.

O feito de que unha vivenda sexa de madeira “non a converte automaticamente en máis sustentable que outras”, afirma Zubizarreta. “Dende un punto de vista ambiental, si, a madeira é máis sustentable que o formigón e o aceiro. Pero a sustentabilidade depende tamén doutros factores (a responsabilidade social e o desenvolvemento económico, entre outros) , e a xestión da madeira debe telos todos en conta”.

“Se para construír unha vivenda se trae madeira de Australia -pon como exemplo-, o seu transporte incrementa considerablemente as emisións de CO2. Por outra banda, non se crea, aquí, nin riqueza nin emprego. Polo tanto, non se pode dicir que unha casa construída con esa madeira sexa máis sustentable que unha de formigón ou de aceiro”.

(Fonte: SINC)