Unha factoría de táboas de skate artesanais e unha empresa de videoxogos figuran entre os proxectos dos emprendedores que se forman na Tecnópole

Os alumnos e alumnas do curso de creación e xestión de microempresas que está a ter lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole están xa dándolle forma aos seus proxectos de emprendemento, caracterizados por un elevado compoñente innovador. Unha factoría de táboas de skate persoalizadas, un servizo de exportación de produtos galegos a Xapón ou unha empresa de creación de videoxogos son algunhas das ideas que están tomando forma para saír ao mercado.

Os participantes comezaron o programa de formación gratuíta organizado por Tecnópole a principios de xuño e a finais de novembro presentarán o seu proxecto de negocio rematado. A mellor proposta recibirá como premio tres meses de estancia gratis na incubadora do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Grazas á metodoloxía innovadora e práctica do curso, os alumnos comezan xa a darlle forma aos seus proxectos. Un dos máis avanzados apunta á creación “feito en Galicia” de táboas de skate, elaboradas artesanalmente en madeiras nobles, personalizadas e con deseños exclusivos, estilo vintage. O proxecto xorde da colaboración entre un deseñador gráfico con moitos años de experiencia no mundo da patinaxe, Roberto Fernández, e Luz Rodríguez, socia da empresa de carpinteria de madeira Luca Galegox. Nese momento os emprendedores contan xa con prototipos listos para ser testados.

“Xa temos dous prototipos, ambos os dous realizados en follas de madeira de roble e sapelly. Estamos testándoos para chegar á fabricación dun skate innovador made in Galicia que se diferencie dos existentes actualmente no mercado, modificando tanto o grosor como o número de lamas”, explican os emprendedores.

Unha vez que o produto estea en fase de produción, os seus promotores proxectan vendelo inicialmente en tendas galegas especializadas neste tipo de artigos e tamén por internet, coa intención de chegar ao mercado internacional.

Entre outras das iniciativas de negocio que se están xestando na Tecnópole figuran un servizo de exportación de produtos galegos a Xapón, unha empresa de creación de videoxogos, unha tenda online de artesanía e unha plataforma de crowdfunding para a organización de eventos solidarios.

Dirixir pequenos negocios

A formación, de máis de 500 horas, está a capacitar aos participantes para dirixir pequenos negocios ou microempresas. Entre as habilidades que están adquirindo figuran a planificación e implementación de estratexias de áreas de negocio, aprendendo a programar as actividades, xestionar persoas, organizar e controlar recursos materiais e realizar operacións económico-financeiras. Ademais os alumnos son adestrados no desenvolvemento da comercialización e venda dos produtos e servizos e na xestión baixo criterios de calidade e protección ambiental, todo isto asegurando a prevención de riscos laborais e utilizando servizos de xestión ou asesoría cando a complexidade da actividade o requira, co fin de garantir o logro dos seus obxectivos empresariais e o cumprimento da normativa vixente.

O curso enmárcase no programa de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas xestionado pola Concellería de Traballo e Benestar e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.