Reducir o malgasto de alimentos para diminuír os niveis de contaminación e favorecer a loita contra o cambio climático. Este é un dos principais obxectivos da empresa Oscillum Technologies do Parque Científico da Universidade Miguel Hernández (PCUMH) de Elxe. Para iso, a compañía deseñou unha etiqueta biodegradable capaz de detectar o estado de descomposición dun alimento e alertar de cando este xa non se pode consumir.
Os alimentos frescos comezan a podrecer dende o momento no que se producen, é neste proceso de descomposición cando se xeran distintas moléculas que varían en función do tipo de produto. “SmartLabel é capaz de detectar as partículas que segregan os alimentos en descomposición e alertar cando o número destas indica que a materia prima xa non se pode consumir, sen importar que o produto se atope no seu envase orixinal ou xa se abrira”, explica Pablo Sosa, CEO de Oscillum Technologies. Grazas a estas etiquetas o consumidor está sempre informado do estado do seu produto, evitando malgastar comida e diñeiro á vez que prevén contraer posibles intoxicacións.
A etiqueta desenvolvida pola compañía é biodegradable e está composta por unha mestura de polímeros e sensores químicos. Os primeiros son a matriz da etiqueta e os que lle confiren as propiedades mecánicas. Pola súa banda, os sensores químicos analizan o alimento e son capaces de detectar as moléculas producidas pola descomposición dos alimentos. Deste modo, a etiqueta cambia de cor en función do nivel de descomposición. O uso da SmartLabel baséase nunha escala de cores a través da que se indica o grao de descomposición dos alimentos.
Actualmente a etiqueta é funcional para carnes e peixes frescos, aínda que a empresa traballa para desenvolvela tamén para outros produtos, como froitas, verduras, produtos lácteos, entre outros produtos. “Ademais no futuro tamén queremos intentar desenvolver etiquetas para comidas precociñadas xa que é un sector que agora está a aumentar o número de consumidores”, desvela o CEO da compañía.
Oscillum Technologies recibiu numerosos galardóns pola súa etiqueta biodegradable. O último deles obtívoo no certame ilicitano Business Market. A compañía foi unha das start-ups galardoadas, xunto con Boniafit. Ambas as dúas empresas do PCUMH recibiron unha dotación económica dun total de 6000 € e tiveron a oportunidade de expoñer as súas propostas de negocio ante posibles investidores e cidadáns interesados en apoiar economicamente proxectos empresariais.
(Fonte: APTE)