n
n
Aos arredores de Pontevedra, na parroquia de Bora, hai doce anos que as ideas crecen como cogomelos. Unha firma, distinguida recentemente polo Ministerio de Medio Ambiente cun premio de excelencia á innovación de mulleres rurais -tamén gañou o premio ao Novo Empresario de Galicia 2010- entrou no selecto olimpo da exportación duns peculiares cultivos ecolóxicos: extractos de cogomelos medicinais.
n
n
n
n
n
n
Dende Galicia, xa viaxan ata Nova Zelandia, avaladas por estudos que as propoñen como aliadas do sistema inmunolóxico. E os cogomelos contan co certificado do consello Regulador de Cultivo Ecolóxico. Trátase da única empresa en Europa que exporta estas cápsulas, aínda que en Oriente os efectos de fungos como o "shiitake" se coñecen hai décadas. A xerente, Catalina Fernández de Ana apostou pola selección de cogomelos de todo o mundo para cultivalas aquí mesmo, en Pontevedra, nun microclima único como o de das Rías Baixas.
n
n
Así o explica o responsable de mercadotecnia de "Hifas da Terra", David Pérez. As empresas que comercializan produtos similares "están contadas", así que as súas liñas para adultos e nenos se solicitan agora en herboristerías e farmacias de diversos lugares do planeta. "Non é un medicamento, senón un complemento", puntualizan fontes consultadas. A demanda levou á firma a iniciarse hai cinco anos nesta nova área de negocio: o extractado e encapsulado de diferentes variedades de cogomelos medicinais, con nomes tan curiosos como "cola de pavo" ou "melena de león". Son tratamentos naturais "sen efectos secundarios", puntualiza Fernández de Ana, cunha gran aceptación en países como "Francia, Italia, Grecia ou Nova Zelandia", onde xa están presentes, aínda que máis lenta en España, recoñece a bióloga.
n
n
"Os fungos teñen propiedades inmunorreguladoras que permiten estabilizar os ciclos polos que pasa o noso organismo e que se fan patentes cando nos poñemos enfermos", aseguran. Así comezaron a desenvolver estes complementos nutricionais dirixidos a aumentar as defensas, posto que doutra forma "habería que comer moitos cogomelos" para que os beneficios fosen palpables. "Traballamos con cogomelos medicinais e seguimos procedementos científicos avalados", explica.
n
n
A pesar de que este ano, a metade das variedades de cogomelos silvestres non saíron a causa do atraso nas chuvias de setembro, David Pérez asegura que os cultivos de madeiro ao aire libre, como o citado, non se viron afectados. "A nivel de recollida de cogomelo silvestre" -outra das áreas nas que se centran, a comercialización- "houbo algúns moi tardíos", recoñecen non obstante.
n
n
E tamén rematan de abrir un centro de interpretación micolóxica; un dos seus proxectos máis recente. O goteo continuo de visitas ao "xardín de micoloxía", a casona do século XVIII no que se sitúa a firma, levounos á idea de dotar a infraestrutura dun centro de interpretación co obxectivo de que os fungos deixen de ser un segredo para os visitantes.
n
n
Dende a Universidade
n
n
A xerente da empresa e bióloga, Catalina Fernández de Ana, é a artífice desta idea que cando naceu quería plasmar o seu proxecto de fin de carreira e que arrancou coa comercialización de cogomelos ecolóxicos e kits de produción caseiros: pequenos sacos nos que, ao cabo duns días, xermolaban champiñóns aptos para o consumo doméstico.
n
n
Ademais de varios estudos (asinados por Yamaguchi Y., Miyahara E. ou o máis recente, dirixido por Shah S.K.) a páxina web do Instituto de Micoterapia Internacional inclúe referencias aos efectos beneficiosos para o metabolismo dalgúns cogomelos medicinais e da combinación de extractos.
n
n
(Fonte: Faro de Vigo)
n
n
n
n