O grupo biofarmacéutico Zendal, a través da súa filial Biofabri, foi o elixido pola compañía estadounidense Novavax para a produción industrial do antíxeno da súa vacina contra o covid-19 na Unión Europea. Ambas as empresas chegaron a un acordo polo cal a compañía con sede no Porriño será a encargada da fabricación da terapia preventiva, cuxos ensaios clínicos se atopan actualmente na fase 2. As probas da fase 3 en humanos, que implican a participación de miles de persoas de distintos países, está previsto que empecen este ano, polo que se todo sae segundo o previsto e se aproba a súa comercialización podería estar dispoñible na primeira metade de 2021.
A vacina contra o covid 19 de Novavax, denominada NVX-CoV2373, será producida en paralelo aos ensaios clínicos, polo que, en caso de obter os resultados esperados e a súa posterior autorización, chegará ao mercado canto antes.
O grupo Zendal, a través de Biofabri, convértese tras o acordo alcanzado con Novavax na primeira compañía biotecnolóxica española en formar parte do proceso de fabricación dunha das vacinas dirixidas á prevención do coronavirus. Hai uns meses o laboratorio Rovi, con sede en Madrid, asinou un contrato coa compañía estadounidense Moderna, cuxo prototipo se atopa en ensaios clínicos en fase 3, para fabricar a súa vacina, aínda que neste caso o seu traballo céntrase no enchido e acabado dos viais. Biofabri, pola contra, producirá o antíxeno, o composto que produce a resposta inmunitaria no organismo para defenderse do virus.
A vacina de Novavax non é das que están en primeira liña na carreira mundial por lograr unha terapia preventiva, pero non está moi lonxe dos postos de cabeza. E tamén é unha das máis prometedoras, xa que os resultados publicados despois da realización dos ensaios da fase 1 indicaban que o 100 % dos participantes desenvolveran anticorpos neutralizantes. Tamén presenta unha grande estabilidade, o que permite o seu manexo nunha fórmula líquida que se conserva a entre 2 e 8 graos.
O acordo con Novavax supón para a compañía galega un reto moi importante que está disposta a asumir. «Este acordo é a ratificación do noso esforzo permanente pola innovación e a nosa aposta pola excelencia en biotecnoloxía. Tamén desde Zendal queremos destacar o apoio mostrado polo Ministerio de Sanidade e a Axencia Española do Medicamento durante todo este proceso », destaca o conselleiro delegado da compañía, Andrés Fernández.
Outras dúas en carteira
Se todo marcha segundo o previsto, esta non será a única vacina que fabricará o grupo Zendal en Galicia. No verán recibiu unha subvención do Ministerio de Ciencia para producir as doses que se utilizarán para os ensaios clínicos das vacinas españolas que preparan dous equipos de investigación do CSIC, os liderados por Mariano Esteban e Vicente Larraga. Ambos os desenvolvementos aínda se atopan na fase preclínica, pero se as perspectivas se cumpren poderían iniciarse os primeiros ensaios da fase 1 entre finais de ano e principios do vindeiro.
Un dos compostos será fabricado por Biofabri, a filial especializada no desenvolvemento de novas vacinas de humanos, mentres que do outro se encargará CZ Vaccines, tamén do grupo.
Fonte: La Voz de Galicia