Unha empresa española presenta unha tecnoloxía que pretende revolucionar o sector do cloud hosting

Gigas, empresa española especializada en ofrecer infraestrutura tecnolóxica como servizo, presenta unha innovadora tecnoloxía coa que promete revolucionar o sector do cloud hosting.

A tecnoloxía de teletransportación é pioneira no mundo e, coma se dunha película futurista se tratase, fai posible o movemento de servidores virtuais dun continente a outro cun só clic.

A solución permitirá ás empresas migrar dinamicamente os seus servidores virtuais dun centro de datos en España a outro en América e viceversa. E todo en cuestión de segundos, cun simple clic de rato e sen a necesidade de reiniciar o servidor nin cambiar a dirección IP pública. Gigas pretende converterse con esta nova tecnoloxía nun referente tecnolóxico mundial xa que é o único provedor de infraestrutura cloud que fai posible que os usuarios poidan teletransportar as súas máquinas virtuais dun continente a outro, tantas veces ao día como sexa necesario.

O novo servizo de Gigas, que está dispoñible para os clientes da compañía española con centros de datos cloud en Europa e EE UU, está deseñado para reducir nun 50% os custos de infraestruturas cloud globais das empresas.

(Fonte: Spain Technology)