Unha empresa de Tecnópole lanza ao mercado a primeira solución integral para teletraballo baseada nunha plataforma de software libre

A empresa Conexiona Telecom, que desenvolve a súa actividade en Tecnópole, acaba de lanzar ao mercado o primeiro paquete integral de solucións para teletraballo baseado nunha plataforma de software libre. Ademais de testalo con varios clientes de toda España, a empresa está a negociar cun grupo de telecomunicacións de ámbito estatal interesado na distribución en exclusiva do produto.

Segundo o directivo da empresa José Antonio Losas, "despois de facer un estudo de mercado e comprobar que non existía ningunha solución que integre todos os servizos necesarios para trasladar o posto de traballo á casa nun só paquete, desenvolvemos o Telwork", nome co que se comercializa o produto tecnolóxico.

A empresa, que conta con sete anos de experiencia no sector das telecomunicacións, centra os seus servizos na tecnoloxía da voz IP, é dicir, das comunicacións telefónicas vía internet. Con este produto, que segundo Lousas "permite trasladar por completo o posto de traballo ao domicilio", Conexiona pon no mercado o resultado dun proxecto de innovación que continuará desenvolvendo para mantelo actualizado.

O paquete de comunicacións deseñouse con base na tecnoloxía IP Asterisk, unha plataforma de software libre, "o que lles vai permitir ás empresas poñer a disposición dos seus empregados a posibilidade de traballar dende a casa de forma puntual ou continuada cun investimento moi pequeno", asegura Lousas.

A aplicación permite traballar no domicilio co mesmo acceso a comunicacións e información que se ten na oficina, dende a telefonía (tanto fixa como móbil) ata as bases de datos e mesmo a videoconferencia.

O representante de Conexiona asegura que esta solución de teletraballo supón un aforro de custos para as empresas a nivel de comunicacións (grazas á telefonía vía IP), de espazo necesario para as súas oficinas e de produtividade a través do control de actividade que permite a aplicación. Para o traballador, tradúcese en aforro de tempo e diñeiro en desprazamentos e a mellora da conciliación da vida laboral e familiar.