Unha empresa alemá prepara unha tecnoloxía capaz de converter calquera superficie en interactiva

Segundo recolle Technology Review nun artigo, o equipo da empresa alemá Metaio está a experimentar cunha tecnoloxía á que bautizou como Thermal Touch (toque térmico), que é capaz de detectar as pegadas de calor que deixamos nos obxectos cando os tocamos para converter estes en interactivos.

¿E que clase de obxectos están involucrados no proxecto? Por exemplo, unha folla de papel, na que o responsable de tecnoloxías avanzadas de Metaio, Daniel Kurz, xa proxectou, a xeito de demostración, un teclado interactivo que o usuario pode utilizar.

¿Como funciona? Con dous tipos de cámaras. A primeira, a que xa mencionamos: unha térmica, capaz de detectar o rastro de calor que os nosos dedos deixan nos obxectos. A segunda é unha cámara capaz de rexistrar, a través da luz, a situación do obxecto que estamos a tocar, de maneira que o software desenvolvido por Metaio sexa capaz de rexistralo en tres dimensións. Toda esta tecnoloxía queda combinada nun dispositivo ao que a compañía alemá chamou Optris Pl 200.

O equipo de Metaio móstrase optimista respecto á posibilidade de que, no futuro, este tipo de cámaras térmicas se incorporen á maioría dos smartphones e tablets como xa fixeron outras tecnoloxías como, por exemplo, os acelerómetros.

Thermal Touch traballará cun amplo rango de temperaturas; de feito, resultaralle moito máis doado funcionar canto maior sexa a diferenza de temperatura entre o obxecto e quen o toca. A tecnoloxía tamén abranguerá moitos materiais, a excepción dos metais, debido á súa capacidade de dispersar a calor rapidamente.

Quedan, de todos os xeitos, moitos aspectos que aclarar. Por exemplo, sería necesario reducir o retardo co que aínda funciona Thermal Touch, que aínda deixa pasar un tempo considerable entre o momento no que se produce o contacto cun obxecto e o momento no que o rexistra. A compañía espera presentar en setembro un informe detallado sobre esta tecnoloxía.

Vídeo sobre a tecnoloxía.

(Fonte: Agencias)