Hai un par de semanas que Marta Otero Leal, física do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, con sede en Ourense, engrosou o seu currículo cun mérito de hai 13 anos. Esta científica, que participou recentemente como referente no programa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino de Tecnópole, asinou en 2006 un artigo con John B. Goodenough, o estadounidense ao que a Real Academia de Ciencias de Suecia concedeu a principios de outubro o Nobel de Química como un dos pais da batería de ións de litio.
“Para min é toda unha honra asinar con el, porque ademais eu estaba a empezar a miña carreira cando realicei o artigo científico. Eu sempre dicía que algún día el sería o Nobel de Química polas baterías de litio. E mira, déronllo agora con 97 anos”, conta a física. De feito, Goodenough, nacido en 1922, convértese na persoa máis lonxeva que recibe un destes soados galardóns.
Marta Otero Leal estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela. “Cando rematei a carreira quería saber o que se fai en investigación, así que empecei a tese, que me dirixiu Pepe Rivas. Francisco Rivadulla era a persoa que me coordinaba o traballo e nese momento el acaba de vir de Austin dunha estancia. Eu acabei facendo mostras no laboratorio que deron lugar a ese artigo científico, eran as mostras para a miña tese e el levoulle os resultados a Goodenough a Estados Unidos. O artigo tiñámolo medio redactado e Rivadulla ensinoulle os resultados e a el xa lle soaban algunhas cousas. Polo tanto, el foi o que nos abriu a liña de por onde estabamos a traballar e o seu coñecemento foi o que deu lugar a que o artigo estea nunha das revistas de maior impacto na área”, explica. O artigo está publicado na “Physical Review Letters”, da American Physical Society.
O artigo científico “analiza propiedades físicas para aplicalas á industria”, sinala Marta Otero Leal. Precisamente o seu traballo no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia está relacionado coa industria. Integrado na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, apoia as empresas en actividades relacionadas coas medicións e calibracións, instrumentos que unha industria necesita nos seus procesos produtivos para asegurar a súa calidade. Esta física intégrase na área de Temperatura e Humidade Relativa do laboratorio.
Mulleres na ciencia
“É un centro moi descoñecido. E hai todo tipo de empresas que necesitan deste servizo, dende farmacéuticas, automoción, alimentación…”, reivindica Otero Leal. Outra reivindicación é a do valor dos artigos científicos. “A sociedade non recoñece tanto un artigo deste tipo”. Admite que dende as universidades e os centros de coñecemento “se podería facer bastante máis divulgación”. E unha última reivindicación: máis mulleres na ciencia. “Eu diríalles a esas nenas que lles gusta, que sigan. A min gustábanme as matemáticas de pequena, pero Mondoñedo non era unha gran cidade na que houbese vocación científica. Nos últimos cursos empezou a gustarme a física e seguín adiante. Hai que abrir a mente aos mozos”.
(Fonte: La Región)