Unha crema elaborada en Ourense, aliada para previr os contaxios

Ciencia e cosmética danse a man contra a covid-19, a través dun novo proxecto da empresa Glecex. Esta start-up biotecnolóxica ourensá, nacida en 2013, encárgase de prestar servizos avanzados a empresas do sector alimentario, farmacéutico e cosmético, ademais de asesorar en I+D+i a diversas corporacións. Nesta ocasión, e como parte do programa Connect-19, Glecex está en proceso de comercializar produtos cosméticos con compoñentes antivirais que actúen como inhibidores do virus. «Estivemos traballando en desenvolver mesturas sinérxicas de axentes antivirais de amplo espectro, que son compostos que presentan actividade contra moitos virus. O que nós facemos é incorporar estes compostos na formulación de produtos, neste caso estamos a pensar nunha crema facial e de mans, conseguindo un produto que teña unha eficacia antiviral ampla; é dicir, que vai axudar a reducir o contaxio e minimizar a carga viral das infeccións. E non só do coronavirus actual, o SARS-CoV-2, senón que tamén presenta actividade inhibidora fronte a outros virus», explica Enma Conde, directora de I+D+i da empresa.

A proposta de Glecex non pretende substituír ningún produto existente no mercado, máis ben actuar como recurso engadido na prevención do coronavirus. Así, nada ten que ver con deixar de utilizar a máscara ou os xeles hidroalcólicos; aínda que a diferenza destes, sinala Conde, o seu é un produto de eficacia prolongada no tempo: «Os compostos dos nosos cosméticos vanse absorbendo aos poucos nas capas máis profundas da pel, polo que vai ter unha eficacia prolongada. Non é algo instantáneo como os xeles hidroalcólicos».

A súa motivación á hora de presentarse ao programa Connect-19 non foi outra que a de reivindicar o seu sector de investigación, o biotecnolóxico. A empresa -que xa realizara outros ensaios in vitro para determinar as propiedades funcionais de determinados compostos- quixo achegar o seu gran de area á problemática actual e, por suposto, facelo desde o seu terreo. «Parécenos bastante interesante que haxa outras propostas do ámbito de TIC ou de Software que son perfectas e que implementan solucións moi válidas, pero cremos que desde a biotecnoloxía tamén se poden achegar moitas solucións. Estamos moi contentos de que nos aceptaran no programa porque cremos que a xente se está empezando a dar conta do papel da ciencia e da biotecnoloxía para axudar. Fixémolo un pouco por reivindicación ao noso sector», subliña Conde.

Un sector de éxito en pleno despunte, que sitúa a Glecex como unha start-up multidisciplinar sen «unha carteira pechada», pois os seus servizos adáptanse ao cliente. «Sobre todo, centrámonos no sector de compostos con propiedades funcionais, para poder desenvolver alimentos ou cosméticos funcionais. Por iso é polo que tiñamos toda esta experiencia previa, e por iso queremos sacar adiante a nosa propia marca e produtos», explica Conde. Algo que xa conseguiron grazas á súa liña de alimentación ecolóxica, Berries &Friends, especializada en superalimentos -certos comestibles que din reunir unha alta densidade nutricional-, e que agora pretenden repetir conquistando a área cosmética. Farano, ademais, con asesoramento individualizado e capacitación técnico-comercial, unha forma de impulsar ás pequenas e medianas empresas na loita contra o impacto do covid-19.

«Grazas ao programa, cada empresa conta cun titor ao que ten que contar a súa idea e como cre que se pode desenvolver, de aquí a novembro, para poder comercializar o produto no mercado. No noso caso, queremos construír unha contorna de produto, así que nos van a axudar tanto a nivel de marca, como de comunicación, packaging e tamén a nivel de negocio. Temos que facer que sexa un produto escalable», sostén Conde. E aínda que por agora traballen a escala nacional, admite que «chegado o momento poderiamos internacionalizar este proxecto, se é que encaixa co que demandan os consumidores, que eu creo que si o fará».

Fonte: La Voz de Galicia