Unha cidade do I+D para competir en innovación (e non en prezos)

A multinacional coreana LG introduciu novas tecnoloxías en todo tipo de produtos, dende cosméticos ata paneis solares. Vinte e dúas mil persoas traballan no seu campus de I+D e setenta compañías conforman a casa.

Non, LG non é o acrónimo de Life’s Good. Aclarado isto, os seus cuarteis xerais de Seúl son a viva metáfora do poder que ostenta en Corea do Sur. Na beira do río Han, o que iluminou o milagre económico dun país asediado perpetuamente por guerras ata a década dos sesenta, emerxen dúas atalaias aguzadas unidas por unha ponte, as Twin Towers, que gobernan case toda a capital. En ambos os dous edificios conviven as máis de setenta compañías que conforman LG; e só unha das torres acolle a división de Electronics, que emprega a un total de 72.600 traballadores mundialmente.

Dende o epicentro da organización pode percibirse a magnitude dunha compañía que o mesmo deseña cosméticos, medicinas e paneis solares que robots e frigoríficos. “Innovamos ata nas manufacturas. É parte do noso ADN, dun cambio que iniciamos en 2001 cando nos decatamos de que non só podiamos competir en prezos baratos, senón nunha verdadeira innovación”, explica Kenneth Hong, responsable de comunicación de LG. Esta aposta traduciuse nun campus de I+D ao norte de Seúl, en Magok, onde 22.000 empregados dan forma ás tecnoloxías máis disruptivas, entre as que o OLED se converteu nunha febre endémica.

O uso máis estendido é o dos televisores, co que erixiron a súa bandeira particular. Non obstante, non só da caixa parva vive o ser humano. O OLED (siglas en inglés de díodo orgánico de emisión de luz), altamente maleable, está presente nas pantallas dos coches, para emitir son e ata para iluminar, o que denominaron Luflex. “Temos moitas posibilidades de seguir evolucionando esta tecnoloxía grazas a que desaparece a rixidez da estrutura sen luces. Parte do noso futuro irá por este camiño”, sostén Hong. Esta obsesión resulta doadamente perceptible nas súas fábricas de Paju, ás que se chega a través da LG Road e está situada a escasos quilómetros do interminable cerre de espiño que separa toda a fronteira do seu irmán setentrional.

Estas factorías son un claro exemplo do extremo ao que chega a innovación. Algunhas, que producen ata un millón de paneis ao mes, están automatizadas case por completo. Internarse nas súas tripas roza a antítese ao contacto humano. Máquinas e máquinas traballando ao servizo do OLED nas que atopar a unha persoa raia o imposible. Aínda así, 20.000 empregados enchen de humanidade esta cidade. Para facilitar a convivencia cos robots, a multinacional ofrece aloxamento e comida nos seus edificios dormitorio de Paju por menos de trinta euros ao mes. Unha iniciativa que para algúns é un reclamo económico; segundo outros, un aliciente para vivir no medio da nada ante o risco de que os seus veciños comunistas volvan ás trincheiras.

Como en Tempos modernos

A innovación en LG é incontrovertible, aínda que permanecen certos vestixios de estampas propias das primeiras revolucións industriais. En Changwon, no sur de Corea e co mar de fondo, as fábricas de frigoríficos e lavadoras ofrecen estampas dignas da película Tempos modernos, de Charles Chaplin. Decenas de traballadores aparafusando e ensamblando pezas todo o día. Un gran contraste co que os rodea. Unha orxía acústica de máquinas pitando e soando cal tarxeta de aniversario. O mesmo topas con atascos de robots que levan materiais seguindo unhas guías no chan que cunha persoa dirixindo este tráfico. Será o prezo de producir 3000 lavadoras a diario.

Aparte da evidente automatización -e o traballo ímprobo-, a vangarda tecnolóxica de LG ten máis responsables. A súa aposta pola intelixencia artificial sería un deles e, non obstante, algo máis profano lles facilita a innovación. “Visitamos as casas dos clientes moi a miúdo. É parte da nosa estratexia. Axúdanos a investigar, traballar unhas divisións con outras e formular a tecnoloxía axeitada para os novos produtos”, argumenta Jeong Ga Yeon, membro do equipo de desenvolvemento de LG. E por se alguén descoñece aínda o significado do acrónimo da empresa, a resposta é Lucky Goldstar. Agora, si. Dúbida resolta.

(Fonte: Retina)