Investigadores da Universidade de Alacante (UA) desenvolveron unha novidosa tecnoloxía que permite localizar a persoas accidentadas en lugares remotos onde non existe cobertura de telefonía móbil e onde a rapidez no rescate é esencial para salvar vidas.
“Deseñamos unha aplicación (app) que pode incorporarse a calquera smartphone e que, sen dispoñer de cobertura móbil, emite un sinal wifi o cal actúa como baliza de socorro e pode alcanzar unha distancia de varios quilómetros”, explica o autor da tecnoloxía e profesor da UA José Ángel Berná, do Departamento de Física, Enxeñería de Sistemas e Teoría do Sinal da Escola Politécnica Superior.
Ese sinal contén a situación (coordenadas) da persoa accidentada ou desaparecida que usa o Smartphone emisor e unha mensaxe breve que “se pode definir á medida, como, por exemplo, ‘atópome ferido’, ‘estou desorientado’ ou ‘necesito axuda'”, concreta Berná.
Para detectar o sinal de auxilio, o investigador creou tamén un dispositivo receptor portátil e de pouco peso (medio quilo), que empregarían os equipos de rescate ou os refuxios de montaña. Este dispositivo conta cunha pequena antena e conéctase ao smartphone dos efectivos de busca.
Cando se produce unha incidencia, a persoa accidentada só ten que activar a app do teléfono móbil que emitirá a baliza de auxilio periodicamente -pode ser durante horas ou mesmo días, aínda que se atope inconsciente- indicando as coordenadas da súa posición.
Segundo Berná, xa se realizaron probas de campo con este innovador sistema -a principios de 2016 desenvolveu un prototipo operativo- cos Grupos de Rescate Especial de Intervención en Montaña (GREIM) da Garda Civil e logo co Servizo Marítimo do instituto armado e Salvamento Marítimo, cuxos resultados foron “interesantes”. Así, durante os ensaios levados a cabo en terra e en mar demostrouse que o dispositivo pode captar o sinal de socorro do Smartphone emisor ata unha distancia de tres e dous quilómetros, respectivamente, aínda que hai posibilidades de aumentar a súa capacidade de cobertura.
As tarefas de busca de persoas desaparecidas ou accidentadas nunha zona sen cobertura móbil supoñen “na actualidade moito custo de tempo e de efectivos”, explica o profesor. En cambio, apunta Berná, o novo sistema desenvolvido permite “optimizar a busca e reducir o tempo de rastrexo”, un aspecto este vital se se ten en conta que, “en moitos casos de falecidos, as autopsias revelaron que non morreran no acto e aguantaran horas, pero non se lles puido localizar”.
Tamén ten a vantaxe de que non se necesita contacto visual coa persoa accidentada, xa que no momento en que poidan detectar un só sinal, esta indicará a súa posición exacta, aínda que se ache a varios quilómetros de distancia ou atrapado nun edificio derrubado.
600 euros
Na actualidade “non existe ningún sistema no mundo que empregue sinais wifi para xeolocalizar un smartphone. Hai dispositivos que permiten detectar sinais de telefonía móbil dun Smartphone e situar a súa posición por triangulación, pero o seu custo elévase a uns 80.000 euros e require emprazar un helicóptero”, asegura José Ángel Berná. Non obstante, o sistema ideado na UA é máis económico “pois o receptor ten un custo que permitiría comercializalo por aproximadamente 600 euros se fose adoptado por un número importante de equipos de rescate” engade.
Segundo este investigador, o comité de seguridade da Federación Española de Montaña e os servizos de rescate da Garda Civil estiman que a funcionalidade desta tecnoloxía debería estar integrada nalgunha aplicación xa existente de emerxencia e con soporte institucional.
“Enviamos información ao Ministerio do Interior para que teña en consideración esta nova funcionalidade que desenvolvemos e estude a súa posible incorporación a AlertCops, o servizo de alertas de seguridade cidadá das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, sinala Berná.
(Fonte: UA)