Non é necesario ser un experto para poder investir en Bolsa. A aplicación Senseizero, creada por dous mozos galegos, é hoxe unha potente ferramenta que empregan tanto investidores experimentados como aquelas persoas con menor cultura financeira. Esta startup naceu no seo da aceleradora de Abanca co obxectivo de dar accesibilidade e oportunidades de investimento a usuarios non tan experimentados no mundo das finanzas, pero tamén para educar á poboación máis nova co fin de que perdese o medo a investir.
Senseizero utiliza Intelixencia Artificial para enviar alertas aos usuarios sobre o sentimento en redes sociais dos valores do IBEX 35, co fin de que poidan tomar decisións sobre os seus investimentos. O sistema filtra a información captada nas redes sociais, fundamentalmente Twitter, para analizar unicamente aqueles tweets que poidan estar relacionados dalgunha maneira coa cotización do valor. Posteriormente determínase o sentimento de cada tweet a través dun sistema que se basea nun procesamento da linguaxe natural.
Senseizero é propiedade da empresa TxStockData, que reparte a súa actividade entre a súa sede no Parque Tecnolóxico de Galicia e as súas oficinas en Pontevedra. Óscar Barba é o director de Tecnoloxía desta firma e da app destaca o seu carácter intuitivo, a facilidade de uso, unha interfaz moi clara e a información directa ao usuario, ademais da súa seguridade.
Fonte: La Región