Unha ‘app’ española, a mellor do mundo en xestión urbana

A compañía española Bismart está de parabén tras recibir o premio de Microsoft á ‘app’ máis útil do mundo para os gobernos a través da súa aplicación móbil Bigov Better City Indicators.

Esta ‘app’ transforma os datos que se xeran nas cidades en información de valor que axuda aos organismos públicos na toma de decisións e a crear cidades máis habitables e sustentables. A ‘app’ ofrece unha visión en tempo real de 80 indicadores clave de rendemento das cidades. Dende a economía local, pasando polo nivel de delincuencia, ata a educación.

Os indicadores aparecen en cor verde, ámbar ou vermello para que os gobernos se concentren nas áreas que requiren unha maior atención. A aplicación dá acceso durante 24 horas e todos os días do ano ás estatísticas clave a través dos dispositivos móbiles dos clientes.

A compañía, que ten previsto pechar o ano cunha facturación de máis de 2 millóns de euros, foi invitada ao encontro World to NYC – Smart & Sustainable Cities Global Challenge que organiza cada ano o concello de Nova York e onde se reúnen as quince empresas máis innovadoras de mundo.

Bismart fundouse en 2009 e poucos meses despois gañou o premio Barcelona Capital Emprendedora polo seu Plan de Empresa. Hoxe conta con 50 traballadores e o seu obxectivo é abrirse ao mercado latinoamericano a través da súa recente entrada en Arxentina, e máis tarde conquistar Estados Unidos e Arabia Saudí.

(Fonte: Spain Technology)