Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta 18ª edición celebrarase no mes de maio.
Ademais do concurso de proxectos, convocouse o xa habitual concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2023. Este certame ía dirixido a todo o alumnado de Primaria dos centros educativos de Galicia. As propostas debían ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, “Aeronáutica e Aeroespacial”.
“Cazador de estrelas”
A gañadora do concurso foi Alba Lago Couñago, alumna de sexto curso do CEIP de Reboreda, en Redondela (Pontevedra). O seu debuxo, titulado “Cazador de estrelas”, amosa a un astronauta collendo estrelas. Un xurado de expertos decidiu a proposta gañadora, da que se valorou a súa orixinalidade e a conexión coa temática desta edición da feira.
Ao certame presentáronse un total de 352 debuxos procedentes de 23 centros educativos de Primaria de toda Galicia, incrementándose cada ano o número de alumnos e centros participantes neste certame. A rapaza premiada recibirá camisetas para toda a súa clase, con exemplares tamén para os seus profesores e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización de Galiciencia e entre o alumnado que presente os seus proxectos na feira.
Fonte: Tecnópole