Primeira proba completada con éxito. Así resume a adega Terras Gauda o primeiro test do proxecto de cooperación internacional de robótica, intelixencia artificial e big data, que se desenvolveu en terras galegas coincidindo coa vendima. O viñedo do Rosal foi o campo piloto elixido en España para realizar este ensaio, que consistiu en comprobar como o sistema de robots deseñado no marco de FlexiGrobots complementa e serve de apoio ao labor que están a realizar os vendimiadores nun momento clave do ano para a adega, como é a recollida da uva. A demostración do seu correcto funcionamento nunha contorna real é, indican desde a firma, o primeiro paso para continuar avanzando neste plan de tres anos de duración.
A verificación realizouse co apoio de drons que sobrevoaron as vides e que facilitaron imaxes aéreas en tempo real sobre o estado sanitario das parcelas e dos acios. Nunha vindeira fase, está previsto que os robots terrestres, equipados con sensores e visión artificial, poidan ser programados para acudir aos lugares concretos nos que hai que intervir, unha vez que ratifiquen que a información e as imaxes recibidas son correctas.
Unha das principais vantaxes da utilización de robots de observación vitícola, indican, é que a aplicación de tratamentos localizados permitirá, entre outras cuestións, «reducir a pegada ambiental e xerar impacto positivo na conservación da contorna». Ademais, o emprego da robótica no viñedo permitirá, por exemplo, acurtar os tempos e iniciar con maior rapidez os procesos que se seguen para a elaboración dos viños, o que redunda nunha mellor calidade.
Unha das súas funcionalidades é o traslado das caixas coas uvas xa colleitadas polos vendimiadores desde as liñas de espaldeiras até a cabeceira, onde as recolle un remolque para o seu traslado á adega. Así mesmo, incide positivamente na prevención de riscos laborais, xa que reduce o peso da carga aos traballadores.
O obxectivo, explican desde a adega, é a coordinación e perfecta interacción entre o robot e o equipo humano. «O noso interese é aplicar a ciencia á viña para mellorar en sustentabilidade e eficacia, combinando o bo facer e a profesionalidade do equipo humano coas posibilidades que nos achegan a intelixencia artificial, a robótica e o big data en canto a innovación e eficiencia». Dezaseis empresas e oito grupos científicos de España, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Alemaña, Lituania, Serbia e Letonia participan na iniciativa.
Fonte: ABC