Son 11 empresas da provincia de Pontevedra, seis de Ourense e catro da Coruña, de sectores tan diversos como as novas tecnoloxías, alimentación ou téxtil
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica “Galicia Avanza” vén de seleccionar 21 novas empresas para a súa terceira edición. Esta iniciativa poñíase en marcha en 2022, froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), entidade encargada da súa xestión e coordinación.
Das empresas beneficiarias desta edición, 11 proceden da provincia de Pontevedra, seis de Ourense e catro da Coruña. Ao longo dos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2025, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Vaise traballar na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Produtos innovadores no campo da alimentación e da cosmética natural
No eido da alimentación e da cosmética natural, unha firma elabora conservas vexetais con produtos do mundo rural galego, sen glute, sen lactosa e sen colorantes nin conservantes artificiais, co selo de Artesanía Alimentaria de Galicia; ao tempo que comercializa cosmética natural e aceites esenciais procedentes de plantas silvestres e de residuos de podas e tallas. Así mesmo, unha asociación apícola pretende exportar unha liña de apicosmética para o coidado da pel, a través de formulacións naturais específicas.
Outra empresa, dedicada á produción e distribución de froitos secos, quere aumentar a súa presenza internacional con produtos innovadores como toppings para iogures, ensaladas ou repostería; snacks de froitas deshidratadas… Tamén se seleccionou unha peme especializada na recolección, secado e procesado de algas mariñas para uso alimentario, con certificado ecolóxico.
Empresas téxtiles e sustentables
Unha das firmas do programa, caracterizada pola sustentabilidade dos materiais que emprega e dos seus procesos de produción, quere internacionalizar a súa marca de roupa para público infantil, feita con fibras orgánicas. Hai tamén un taller de artesanía téxtil que vai exportar unha manta de bebé realizada no tear con la de ovella e fibra ecolóxica de proteína láctea, a caseína, que a mesturan con auga e outras substancias naturais como cera de abella. Outra peme busca potenciar a internacionalización da súa liña de tecidos non tecidos para colchóns, en particular como recheo, para recubrimento dos resortes e como substrato para a fixación do punto de costura.
Novas tecnoloxías e robótica
Unha das pemes beneficiarias desenvolveu unha plataforma dixital para empresas produtoras de residuos, destinada a centralizar o control operativo e documental de todos os refugallos xerados. Tamén forma parte do programa unha plataforma de xestión intelixente de servizos de Tecnoloxías da Información e de procesos de negocio, que permite calcular en tempo real indicadores de cumprimento técnicos e funcionais.
Por outro lado, unha firma especializada en robótica industrial busca internacionalizar as súas celdas robotizadas modulares, dirixidas en particular ao sector da automoción e que permiten obter unha alta produtividade nun espazo concentrado. Outra das empresas fabrica sistemas avanzados de manipulación, compostos por garras e dedos robóticos, cuxa función principal é a manipulación de pezas industriais (montaxe, transporte, medición e operacións especiais como o enroscado).
A innovación nos produtos e alimentos dos animais de compañía
Seleccionouse unha empresa especializada na fabricación de accesorios para instalacións de gandería e animais de compañía, que quere expandir a súa liña de produtos específica para mascotas como un baño para coellos ou hamacas e sofás para gatos e cans. Por outro lado, un equipo integrado por expertos no sector lácteo desenvolven e comercializan produtos para cans e gatos elaborados con ingredientes naturais, como iogures, iogures xeados, sen lactosa, sen azucre, o primeiro lácteo para mascotas con probióticos activos…
Diversidade de produtos e servizos
“Galicia Avanza” acolle a empresas que ofrecen produtos e servizos tan diversos como unha peme que camperiza furgonetas industriais, unha academia de xadrez online, unha peme dedicada á transcrición de partituras e á elaboración de librerías de música virtuais, unha consultora de comunicación internacional especializada en achegar ás empresas a novos países e culturas, unha firma que ofrece servizos dixitais para predicir as propiedades da madeira, outra de servizos de decoración e adecuación de espazos para hoteis, unha empresa que busca internacionalizar o seu humus líquido como fertilizante orgánico, ata unha axencia de viaxes especializada en alugueiros de vilas vacacionais de luxo en Galicia.