Un teclado que recoñece o usuario, autorrecárgase e repele a sucidade

Un equipo de científicos de EE UU e China desenvolveu un novo teclado que utiliza patróns biométricos para recoñecer os usuarios autorizados e evitar o acceso a persoas alleas ao ordenador. O dispositivo non necesita batería e o material que o recobre repele a sucidade. Segundo os desenvolvedores, este sistema pode ter aplicacións en ciberseguridade e intelixencia artificial.

En todo o mundo, millóns de documentos importantes están protexidos unicamente por un contrasinal. Non obstante, hai expertos para os que unha combinación intelixente de letras e números non supón un obstáculo insalvable para acceder á información.

Agora, un grupo de investigadores de Estados Unidos e China lograron un novo avance en ciberseguridade e atoparon solución á debilidade dos contrasinais: un teclado intelixente que recoñece os usuarios autorizados polo seu xeito de escribir. O estudo publicouse na revista ACS Nano.

“Este é o teclado máis seguro que existe”, comenta a Sinc Zhong Lin Wang, investigador do Instituto Tecnolóxico de Xeorxia (EE UU) e autor principal do traballo. “Logramos desenvolver un sistema máis fiable, e que ademais é rendible e doado de usar” engade.

O teclado é capaz de identificar os usuarios rexistrados, detectar se un impostor está a intentar acceder ao ordenador e activar un sistema de alarma. “Cada persoa ten unhas pautas de escritura únicas e o estado físico ou nervioso no que se atope non produce cambios significativos a nivel de seguridade” indica Wang.

Este mecanismo recoñece a frecuencia e a forza coa que os usuarios premen as teclas a través dos impulsos mecánicos que converte en sinais electrónicos, polo tanto “ninguén que non sexa recoñecido polo sistema pode entrar ao equipo, aínda que coñeza o contrasinal” explica o investigador.

Outra vantaxe que presenta este aparato sen fíos é que non necesita ningunha fonte de alimentación externa posto que aproveita a enerxía xerada pola escritura para recargar a súa batería. Ademais, o seu recubrimento especial da superficie repele a sucidade e a graxa.

Os científicos aseguran que a utilización desta innovación aumentará dun xeito sinxelo a seguridade dos sistemas informáticos.

(Fonte: SINC)